A prensa conservadora española vira euroescéptica

Unha vaga de euroescepticismo percorre a prensa española de dereitas. O fallo do xuíz alemán que descarta o delito de rebelión e decidiu excarcelar o ex president Carles Puigdemont provocou unha reacción furibunda. “O Supremo debe evitar que os alicerces da súa causa”, di o editorial de El Mundo, “agora ameazados pola incomprensión estranxeira, sexan completamente socavados”.
 

Captura-de-pantalla-2018-04-06-a-las-8.07.59-06081404-472x270
photo_camera Cuberta do 'ABC' do 6 de abril de 2018.

O rotativo que fundou Pedro J. Ramírez -agora en El Español- é o máis expeditivo. O seu editorial, que remata cun ataque frontal ao Goberno de Mariano Rajoy, fala da “inusitada, dolorosa complicidade” de Europa -que identifica coa Unión Europea- co “soberanismo. Acusa ao maxistrado xermano de ser “responsábel da renovada impunidade do prófugo” E cualifica a UE de “proxecto fallido” por non axudar o Estado español contra “un golpe de Estado interno”.

abc1

O contraste de titulares entre o 26 de marzo, cando Puigdemont foi arrestado en Alemaña, e a mañá do 6 de abril tamén resulta significativo. O pasado mes, ABC abría cun “Alemaña marca o camiño de volta aos golpistas fuxidos”. Hoxe, sexta feira, o relato mudou: “A xustiza europea dá aire ao golpismo”. Con idéntico fondo expresouse El País. “A caída de Puigdemont liquida a farsa do Goberno no exilio”, titulou en marzo. Despois da decisión ada xustiza alemá, optou por algo máis descritivo: “Alemaña nega a rebelión e deixa libre Puigdemont”.

O editorial do xornal de Prisa, encabezado por un pouco dramático -en comparación- Revés xudicial, é unha miga máis aséptico. “Nunha decisión inesperada [...] De se culminar a entrega a España baixo este último suposto de malversación, sen dúbida suporía un serio revés para a causa xudicial en curso”, afirma, antes de explicar que “a confianza das autoridades xudiciais españolas na rapidez e eficacia do mecanismo da euroorde non se viu satisfeita”.

Unha das cabeceiras máis próximas ao Executivo de Rajoy, La Razón, coloca o seguinte epígrafe no seu editorial: Fallo nefasto para España e Europa. De “profundamente decepcionante” cualifica a actuación alemá e considera unha “acusación sólida contra o xefe da rebelión” o criterio do Ministerio Público “e a petición cursada pola Xustiza española”. Contrasta coa súa opinión sobre as decisións xudiciais alemás, “un auténtico despropósito e un atentado contra a razón e o sentido común”.

El Español, o dixital de Pedro J. Ramírez, mantén unha liña editorial semellante á de El Mundo, critica con dureza o Goberno de Rajoy, esixe eleccións. E, por suposto, sinala que Europa e Alemaña non son quen de entender as particularidades da xustiza e a política españolas.

Comentarios