Italia aduce motivos de seguridade após ignorar unha orde de arresto do TPI
Osama Elmasry Njeem, obxecto dunha orde de arresto do Tribunal Penal Internacional (TPI) por crimes de guerra e contra a humanidade como asasinato, tortura, violación e violencia sexual desde 2015 en Libia, foi repatriado por Italia “por razóns urxentes de seguridade”, xustificou a quinta feira Matteo Piantedosi, ministro de Interior do Goberno ultradereitista.
Elmasry dirixe a sección de Trípoli –onde se asenta un dos dous Gobernos do país– dunha rede de centros de detención, e foi detido o domingo no norte de Italia, tras desprazarse para ver un partido de fútbol.
Porén, a terza feira foi trasladado nun avión gobernamental italiano a Trípoli, con cuxo Executivo Roma ten un acordo de colaboración para que free o paso de migrantes, que desatou denuncias por violacións masivas dos dereitos humanos.
Pouco antes, un tribunal ordenara a súa liberación esgrimindo que o ministro de Xustiza, Carlo Nordio, non foi informado con antelación polo TPI, que debullou que antes lembrara a Italia que debía consultalo ante calquera problema, algo que non fixo.
Ao respecto, a axencia AP remarcou que calquera xuízo contra Elmasry “podería atraer atención non desexada ás políticas migratorias de Italia”.
Orde contra os talibán
A Fiscalía do TPI anunciou a quinta feira que pediu á maxistratura que emita ordes de detención contra os xihadistas Hibatullah Akhundzada, líder dos talibán e de facto de Afganistán, e Abdul Hakim Haqqani, que encabeza o Tribunal Supremo, pola súa responsabilidade no crime de lesa humanidade de persecución por motivos de xénero, logo de privar as nenas e mulleres da inmensa maioría de dereitos.