Israel enterra as opcións dun alto o fogo no Líbano e Gaza co beneplácito dos Estados Unidos

Edificio destruído por Israel nos suburbios do sur de Beirut, diante dun cartel de Hasan Nasrallah, líder de Hezbolá asasinado, a quinta feira. (Foto: Sally Hayden / SOPA Images vía ZUMA vía Europa Press)
Como aconteceu en Gaza, Washington permitiu agora aos sionistas acabar coas súas demandas dunha tregua no Líbano.

Abdallah Bou Habib, ministro de Exteriores en funcións do Líbano, confirmou nunha entrevista coa canle PBS que o secretario xeral de Hezbolá, Hasan Nasrallah, asasinado por Israel nun ataque aéreo que arrasou seis edificios residenciais a pasada sexta feira, dera horas antes do bombardeo o seu “visto e prace” á proposta de alto o fogo impulsada na madrugada da quinta feira polos Estados Unidos e Francia, recolleron a quinta feira medios internacionais.

Unha vez efectuada a proposición, “os libaneses aceptamos”, e Nabih Berri, presidente do Parlamento libanés, “consultou con Hezbolá”, unha das forzas integradas no Goberno do primeiro ministro Najib Mikati, e “informamos a estadounidenses e franceses”.

Como ratificara a Casa Branca, a declaración conxunta con varios países occidentais e árabes coa proposta dunha tregua de 21 días entre Hezbolá e o Goberno de ultradereita israelí fora pactada tamén cos sionistas.

Porén, despois de trasladar a súa aprobación aos mediadores, o primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu deu marcha atrás e rexeitouna publicamente, incidindo en que os militares atacarían Hezbolá con “todas as súas forzas”.

Nese sentido, os Estados Unidos insistiron na necesidade dun alto o fogo e estaban traballando na proposta con Israel cando se produciu o ataque a Nasrallah, sobre o que Washington transmitiu que non tiña coñecemento previo. En definitiva, tratouse dunha “humillación diplomática” para os Estados Unidos, ademais dunha “mostra de incapacidade, ou negativa, para controlar o seu problemático aliado”, resolve o editor diplomático do xornal The Guardian, Patrick Wintour, que fixo énfase en que “Netanyahu cre ter tomado por parvos os diplomáticos estadounidenses”.

Aos arredor de 120.000 millóns de euros en armamento que os Estados Unidos proporcionaron ao réxime de apartheid israelí desde a súa creación en 1948, hai que engadir desde o comezo do xenocidio en Gaza hai case un ano, que Israel ampliou a unha invasión do Líbano e no marco do que bombardeou Siria, o Iemen e o Iraq, como mínimo máis de 40.000 millóns de euros, tanto en entregas a curto como a longo prazo, e sen contar un centenar de transaccións opacas.

Asemade, os Estados Unidos foron clave, canda o Reino Unido, Francia e Xordania, na defensa de Israel ante a represalia iraniana da terza feira, entre outros polo asasinato de Nasrallah e o xenocidio en Gaza.

A pesar da dependencia sionista dos Estados Unidos, o certo é que, especialmente, o poder do Comité de Asuntos Públicos Estadounidense-Israelí (Aipac) —o principal lobby sionista nos Estados Unidos— e as súas achegas millonarias ás campañas electorais de republicanos e demócratas e o papel de Israel como unha garantía de diverxencias constantes no seo do mundo árabe e en Asia Occidental xiraron as tornas, e “as garantías a Netanyahu dos Estados Unidos apoiarán Israel en calquera circunstancia aléntano a correr máis riscos que os que asumiría doutro modo”, apuntou Jon Alterman, do Centro de Estudos Estratéxicos e Internacionais, asegurando que Netanyahu “semella ter ignorado as advertencias estadounidenses sobre iniciar unha guerra rexional”.

A mesma estratexia que en Gaza

En todo caso, a obstaculización e bloqueo por parte de Netanyahu —sobre o que incluso en Washington hai consenso de que busca estender a guerra para garantir a súa supervivencia política— das negociacións de alto o fogo en Gaza tamén foi reiterado despois da fin da breve tregua que rematou na Faixa o 1 de decembro. En dúas ocasións Hamás aceptou publicamente propostas neste sentido que implicaban un intercambio de persoas detidas nos dous bandos.

Unha a comezos de maio, tras o que Israel lanzou unha invasión a Rafah, e a segunda semanas despois, precisamente a unha proposta de Joe Biden, o presidente estadounidense. Incluso para chegar a ese punto, cada avance nas negociacións foi respondido por Israel con asasinatos, como o de familiares do daquela líder de Hamás, Ismail Haniyeh, ou do propio Haniyeh, ou elevando repetidamente as súas exixencias.

En última instancia, os Estados Unidos —que até marzo bloquearon unha petición de alto o fogo no Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) e logo afirmaron que non era vinculante— seguiron negándose a presionar Israel, culpando agora a Hamás da falta de avances. Pola súa parte, o grupo pediu implementar o xa pactado.

En liña cos sucesivos cambios da posición estadounidense para adaptarse ás accións israelís, nestes momentos o alto o fogo non é unha prioridade. Se antes a liña vermella marcada por Washington e ignorada por Israel fora a invasión a Rafah, nesta ocasión Biden insistiu até a segunda feira en que rexeitaba unha invasión do Líbano, pedindo un alto o fogo mentres celebraba a morte de Nasrallah, até que horas despois Israel comunicou que iniciaba un ataque terrestre.

Isto levou a unha campaña para difundir  que os sionistas teñen dereito a “defenderse” de Hezbolá intensificada pola represalia iraniana e atribuíndo calquera escalada a Tehran, ao tempo que obvia que é Israel quen escalou a situación tras constatar o seu fracaso militar en Gaza, desencadeando unha guerra no Líbano, onde matou arredor de 1.400 persoas en dúas semanas, e fomentando unha guerra rexional.

Por isto, e aínda que Biden sostén que non aceptará ataques a instalacións nucleares iranianas como parte da resposta israelí, é Netanyahu quen decide como empezará a guerra na rexión.

Hezbolá repele Israel mentres os sionistas bombardean unha clínica

A organización libanesa Hezbolá comunicou a quinta feira que realizou unha vintena de ataques contra posicións israelís, cuxos soldados tratan de invadir o sur do Líbano, mais non rexistraron avances, cifrando en 250 os proxectís disparados contra o norte de Israel nas 24 horas anteriores. En paralelo, o Exército hebreo matou 15 persoas ao bombardear a sede do Concello de Bin Jbeil, no sur do Líbano.

Amais, dous soldados libaneses, que non participan na confrontación e que se retiraron da fronteira, morreron en ataques israelís, un nun posto militar neste municipio e o outro mentres efectuaba unha misión de rescate e evacuación coa Cruz Vermella libanesa

En Beirut, a capital do Líbano, Israel volveu bombardear de forma indiscriminada os civís nos suburbios do sur da cidade, e durante a noite atacou nas proximidades do centro un edificio no que funcionaba unha clínica da Sociedade de Saúde, unha entidade sanitaria impulsada por Hezbolá. Incluíndo o persoal médico asasinado neste ataque, 97 persoas traballadoras do ámbito sanitario morreron desde o inicio das hostilidades, nas que Israel atacou “decenas de clínicas de saúde”, denunciou Firass Abiad, titular de Saúde en funcións do Líbano.

Despois de non lograr os avances agardados nas primeiras xornadas, os militares israelís exixiron a poboación de múltiples localidades do sur do Líbano que fuxiran perante a previsíbel expansión dos bombardeos indiscriminados en áreas que, a pesar de que en teoría a invasión sería "limitada", están por primeira vez ao norte do río Litani.