Israel decide intensificar "a frecuencia e a potencia" dos ataques aéreos sobre Gaza

O lanzamento de foguetes por Hamas traslada o conflito de Xerusalén á Faixa.
EuropaPress_3701937_11_may_2021_palestinian_territories_gaza_city_palestinians_evacuate
photo_camera Habitantes da cidade de Gaza, hoxe, foxen dun edificio atacado (Foto: Ashraf Amra / APA Images)

O Exército israelí intensificou hoxe, por segundo día consecutivo, os bombardeos sobre o territorio bloqueado de Gaza, tras o novo lanzamento de foguetes desde o enclave cara a Israel por parte do Movemento de Resistencia Islámica (Hamas), informaron axencias internacionais. 

Polo menos outras dúas persoas morreron, segundo as autorizades sanitarias de Gaza. Os novos bombardeos prodúcense poucas horas despois de que polo menos 28 palestinos ─incluídos dez menores─ perecesen a causa dos ataques aéreos israelís

O lanzamento de foguetes por parte de Hamas, que goberna en Gaza, chegou tras o ultimato a Israel demandando a retirada das forzas de seguridade da praza da mesquita de Al Aqsa, no territorio ocupado de Xerusalén Leste, tras varios días de represión policial de manifestantes que protestaban polo inminente desaloxo de familias palestinas do barrio de Sheikh Jarrah.

A Policía israelí asaltou na segunda feira, por terceiro día consecutivo, a "Explanada das Mesquitas", así chamada polos musulmáns ("Monte do Templo, polos xudeus). Os axentes utilizaron granadas de atordamento e pelotas de goma contra os manifestantes que lles lanzaron pedras, zapatos e outros proxectís improvisados. Os antidisturbios tamén usaron gas lacrimóxeno, que chegou ao interior de Al Aqsa, onde os fieis celebran estes días o final do Ramadán.

Nas últimas 24 horas máis de 700 palestinos resultaron feridos no territorio ocupado de Cisxordania, informou a canle de TV árabe Al Jazeera.  

Ademais, os proxectís disparados desde Gaza provocaron a morte de dúas mulleres na cidade israelí de Ascalón así como ducias de feridos, un dos cales está en estado crítico. Al Jazeera contabilizou o lanzamento onte de 70 foguetes en menos de 30 minutos e un total de 300 desde a segunda feira.  

Silencio diplomático

O secretario xeral da Liga Árabe, Ahmed Abul Gheit, culpou ás "políticas imprudentes" do Goberno de Israel da escalada de violencia e solicitou un pronunciamento expreso do Consello de Seguridade da ONU.

Fíxoo durante un encontro telemático con ministros de Exteriores da rexión, onde o de Exipto, Sameh Shoukry, manifestou que nas últimas horas tentaran comunicar co Goberno israelí co fin de rebaixar as tensións, mais que non recibiran resposta.

Pola súa banda, o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, afirmou nun comunicado en vídeo que "tanto a potencia dos ataques como a súa frecuencia será incrementada". 

Comentarios