Israel acelera a limpeza étnica en Gaza entre a condena mundial

Crianza con desnutrición severa no hospital Nasser en Khan Younis, en Gaza, o 8 de agosto de 2025. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA vía Europa Press)
Alemaña frea a venda de armas ao réxime sionista.

A“ocupación militar total” de Gaza por parte do réxime sionista debe “deterse de inmediato”, pois vai contra “o auto do Tribunal Internacional de Xustiza (TIX) no que se estabelece que Israel debe pór fin á súa ocupación o antes posíbel, así como contra a solución acordada de dous estados e contra o dereito do pobo palestino á autodeterminación”, indicou a sexta feira por medio dun comunicado Volker Türk, alto comisionado da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os Dereitos Humanos.

Pouco antes, o Gabinete de Seguridade do Goberno de extrema dereita sionista aprobara “a proposta do primeiro ministroBenjamin Netanyahu, reportou o Executivo, engadindo que os militares “prepáranse para facerse co control da Cidade de Gaza”, no norte do territorio palestino.

Netanyahu ratificara en varias entrevistas antes da reunión gobernamental a súa intención de lanzarse á ocupación total da Faixa, e o xornal Yedioth Ahronoth entre outros trasladou que se validou o plan íntegro, que comezaría na principal urbe do enclave, na que hai un millón de persoas, case a metade da poboación total de Gaza. En todo caso, un funcionario comunicou ao The Times of Israel que, con posterioridade, as tropas desprazaranse a outras áreas da Faixa.

Asemade, logo de boicotear repetidamente as negociacións para unha tregua, o Gabinete pactou que os seus militares non marcharán de Gaza, unha das exixencias de Hamás, que goberna o territorio, para un entendemento.

En paralelo, rubricou que para frear o xenocidio deberá estabelecerse “unha administración civil alternativa que non sexa nin Hamás nin a Autoridade Palestina”, a varios de cuxos membros veñen de sancionar os Estados Unidos, principal aliado e provedor armamentístico israelí, por levar os crimes sionistas ante o TIX e o Tribunal Penal Internacional (TPI), que emitiu unha orde de arresto contra Netanyahu por crimes de guerra e contra a humanidade.

Tanto a oposición como as familias dos israelís detidos en Gaza criticaron a decisión como un “desastre” e unha “sentenza de morte contra os reféns vivos” respectivamente. Ao tempo, Hamás asegurou que a Netanyahu non “lle importa” o destino deles, aos que optou por “sacrificar”, e cualificou de “novo crime de guerra” a potencial ocupación da urbe.

A nova política israelí, encamiñada a facilitar a limpeza étnica á que aspiran os sionistas, na que se enmarca a aceleración do exterminio que está a causar por medio dunha fame inducida contra a poboación gazatí, ao buscar forzar os 2,3 millóns de persoas de Gaza a concentrarse no sur do enclave, tamén foi criticada polos seus principais socios, deixando cada vez máis só Washington na súa defensa.

Isto “só traerá máis derramamento de sangue”, subliñou o primeiro ministro británico Keir Starmer, que definiu a medida como “errónea”, instando os sionistas a “reconsiderala inmediatamente” e defendendo un cesamento do fogo. “O desprazamento forzoso permanente é unha violación do dereito internacional”, afirmou Penny Wong, ministra de Asuntos Exteriores de Australia.

Viraxe teutoa

Máis alá foi Alemaña, que bloqueou calquera medida de presión contra Israel no seo da Unión Europea (UE), evitando a suspensión do Acordo de Asociación co réxime sionista, e que lidera a represión no bloque comunitario contra as manifestacións favorábeis a Palestina.

A resolución israelí “fai cada vez máis difícil ver como se pode lograr” o desarme de Hamás e a liberación dos seus presos, apuntou o chanceler Friedrich Merz nun comunicado no que, facendo énfase na crise humanitaria xerada por Israel en Gaza, anunciou que “o Goberno non aprobará ningunha exportación de equipo militar que poida utilizarse na Faixa de Gaza até novo aviso”.

Entre 2020 e 2024 Berlín estivo detrás de 33% das importacións de armas de Israel, e só foi superada polos Estados Unidos (66%), mentres que o 1% restante procedeu de Italia.

Á beira de Alemaña, nos Países Baixos, o Goberno en funcións decidiu revogar tres licenzas que concedera para a exportación de pezas de barcos militares a Israel, aducindo “o risco de uso final non desexado” e o “empeoramento da situación” en Gaza.

No outro lado da raia, en Bélxica, Maxime Prévot, titular de Exteriores, convocou o embaixador israelí para expresar o seu rexeitamento á ocupación e “á continuación da colonización” de Cisxordania, que teñen o “potencial de borrar por completo Palestina do mapa”.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, limitouse a solicitar aos sionistas que “reconsideren” a ocupación. Pola contra, a China, Turquía ou Arabia Saudita fixeron pública a súa condena ao plan, exixindo un cesamento do fogo.

Un embargo de armas contra Israel foi exixido por persoas expertas da ONU ao longo dos últimos meses, mais até mediados de xullo non se traduciu nun pacto dunha trintena de países, como Indonesia, Colombia, Bolivia, o Iraq ou Malaisia, nesta liña.

Até o de agora, as medidas dos países occidentais para frear o xenocidio reducíranse a algúns anuncios de recoñecemento do Estado de Palestina ou sancións limitadas contra os ministros máis extremistas do Goberno sionista.