Irán anuncia que incautou un petroleiro estadounidense con 145.000 toneladas de cru

Un petroleiro estadounidense nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press / Contacto / Marine Corps).
Un petroleiro foi abordado preto das costas de Omán por "persoas armadas non autorizadas", segundo as últimas informacións.

A Armada de Irán anunciou esta quinta feira a incautación dun petroleiro estadounidense con 145.000 toneladas de cru en augas do golfo de Omán por orde xudicial. Previamente, a Oficina de Operacións de Comercio Marítimo do Reino Unido (Ukmto) informou de que a madrugada do mesmo día persoas armadas abordaron un petroleiro a 80 quilómetros das costas de Omán. Despois, o buque tería cambiado de rumbo cara a augas iranianas, tras o que se perdeu o contacto con el.

Tanker Trackers, un servizo privado de intelixencia marítima, identificou o barco como o petroleiro St Nikolas, primeiramente bautizado como Suez Rajan, antes de que o ano pasado fora incautado polos EUA, acusado de incumprir as restricións ao comercio con Irán.

O Departamento de Xustiza estadounidense anunciara en 2023 a confiscación de máis de 980.000 barrís de cru iraniano, transportados polo aínda chamado Suez Rajan, propiedade da navieira grega Empire Navigation, a pesar das sancións.

Segundo a axencia estatal grega AMNA, o buque, que está tripulado por un total de 19 persoas, unha de nacionalidade grega e 18 de nacionalidade filipina, dirixíase a Turquía despois de ser cargado de cru en Iraq.

Indagacións sobre o atentado en Kermán

Tamén esta quinta feira, as autoridades de Irán afirmaron que un dos terroristas suicidas que se inmolou o 3 de xaneiro perto do cadaleito do xeneral Qasem Soleimani en Kermán (sur) era un israelí con cidadanía de Taxiquistán, ao tempo que recalcou que expandiu as súas operacións a Estados estranxeiros para deter outros implicados no ataque, o cal foi reclamado polo grupo xihadista Estado Islámico.