Irán confirma a morte do xefe de Intelixencia da Garda Revolucionaria nun ataque dos Estados Unidos e Israel
As autoridades do Irán confirmaron esta segunda feira a morte do xefe de Intelixencia da Garda Revolucionaria do país, Majid Khademi, nun ataque dos Estados Unidos e Israel.
“Khademi alcanzou a gracia do martirio nun ataque criminal terrorista do inimigo estadounidense-sionista durante a madrugada de hoxe”, indicou a Garda Revolucionaria nun comunicado recollido pola cadea de televisión iraniana IRIB.
Así, describiu as súas accións como “grandiosas” e “exemplares” após case medio século de “servizo ao país”, ao tempo que sinalou que o seu papel “servirá de guía para a comunidade de Intelixencia iraniana”.
“Durante case medio século a defensa honesta e valente da revolución, o distinguido xeneral realizou contribucións importantes, duradeiras e instrutivas nos campos da Intelixencia e da seguridade, que poden servir de guía para a comunidade de intelixencia do país durante moitos anos, especialmente á hora de enfrontarse a inimigos estranxeiros a nivel estratéxico e aos seus sinistros e malvados plans para infiltrarse e desestabilizar a seguridade e a paz do Irán”, aseverou.
Até a data, as autoridades iranianas sitúan en 2.076 os falecidos polas agresións dos Estados Unidos e Israel no Irán, dos cales 216 son menores de idade. Pola súa parte, a Media Lúa Vermella iraniana informou de que os bombardeos destruíron ou danaron máis de 100.000 edificios civís. Aliás, foron alcanzadas unhas 600 escolas e case 300 centros de saúde nas catro semanas de bombardeos.

