Irán arrasa o cuartel xeral do Mossad e Israel asasina outro alto cargo militar seu

Weizmann Institute, centro científico israelí que investigaba aplicacións nucleares e militares atacado por Irán con mísiles, o 17 de xuño de 2025. (Foto: Amos Ben-Gershom / GPO / DPA vía Europa Press)
Trump abandona o G7 para abordar a situación en Asia Occidental, e podería sumarse á agresión sionista contra os persas.

A guerra entre Israel e Irán en Asia Occidental escalou a terza feira, na quinta xornada dun conflito desatado por un ataque non provocado israelí contra o Estado persa, que segue a defenderse con ataques masivos de represalia con mísiles e drones á espera de que os Estados Unidos decidan se se sumarán á agresión militar ante o impacto que está a ter no réxime sionista.

A terza, os militares iranianos anunciaron que no marco dos lanzamentos que se espallaron durante a madrugada e a primeira parte do día, e que se reactivaron pola tarde, alcanzaron un centro do Departamento de Intelixencia Militar do Exército sionista e a sede do Mossad, principal órgano de Intelixencia israelí, na contorna de Tel Aviv.

Diversos documentos audiovisuais recollidos por medios internacionais amosaron os impactos nestas instalacións. Ademais, escoitáronse explosións tamén en Xerusalén e as autoridades militares iranianas trasladaron que “destruíron posicións estratéxicas” israelís en Tel Aviv e Haifa.

Pola súa parte, o réxime sionista asegurou que matou Ali Shadmani, comandante do cuartel xeral das Forzas Armadas iranianas, cargo no que foi designado após ser asasinado o seu predecesor no ataque inicial israelí, ao que identificou de maneira errónea como xefe do Estado Maior. Tehran non confirmou o óbito.

Ao tempo, os sionistas sinalaron que destruíron en Irán infraestrutura de almacenamento de drones e mísiles, así como lanzadeiras, e o titular de Defensa sionista, Israel Katz, aseverou que atacarían tamén “obxectivos do réxime e infraestrutura”.

Máis de 450 persoas, na súa maioría civís, perderon a vida en Irán nos ataques sionistas desde o comezo da agresión, informou o Grupo de Activistas de Dereitos Humanos, unha ONG iraniana. Á vez, 24 persoas terían morto en Israel polas represalias persas.

No interior de Israel, o réxime profundou na censura militar e o aloxamento de varios equipos de televisión foi asaltado pola Policía, revelou o portal Middle East Monitor, aos que acusou de gravar o porto da cidade entre reportes de que foron prohibidas as transmisións en directo, despois de vetar o Executivo de ultradereita israelí a publicación de imaxes dos ataques iranianos, o que motivou o arresto de persoas que o incumpriron.

A censura tamén se aplica aos medios locais e internacionais aos que Israel permite traballar no territorio. De feito, ao respecto do ataque á Intelixencia sionista, os segundos apenas o mencionan e os primeiros limitáronse a sinalar que foi golpeado “un sitio sensíbel”, recoñecendo que teñen prohibido publicar a súa localización.

Até o de agora, e logo de transcender publicamente, apenas admiten o éxito de Irán no ataque ao principal centro científico israelí, o Weizmann Institute, e á refinaría de Haifa, a máis importante do réxime. Aínda que nun primeiro momento minimizaron os danos, a refinaría tivo que fechar e a distribuidora Sonol comunicou á clientela que por este motivo ten que recortar ou deter a subministración de combustíbel.

Neste sentido, e aínda que Israel sostén que o ritmo de lanzamento de mísiles de Irán (uns 400 até a terza feira) está a minguar, non hai ningunha fonte independente que o verificara e pode formar parte da desinformación que difunde acotío, cunha narrativa centrada en que a agresión sorpresa a Irán se tratou dun “ataque preventivo” ante o suposto desenvolvemento inminente dunha bomba atómica por parte da República Islámica.

O certo é que a Intelixencia estadounidense, cuxos informes está a desbotar o presidente Donald Trump para repetir que Irán está perto de logralo, deixou claro que o programa nuclear de Tehran só ten fins civís e non busca unha bomba, así como que os ataques israelís contra instalacións atómicas iranianas apenas atrasaron uns meses o seu programa.

Un dos peor parados até o de agora sería o centro de enriquecemento de uranio de Natanz, resolve un Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) moi crítico con Irán, que especulou con que se produciron “impactos directos” nas salas subterráneas en base a imaxes por satélite.

O G7 apoia a agresión

De forma paradoxal, o G7, que xunta os aliados estadounidenses con máis capacidade económica, rexeitou condenar a agresión israelí logo de ser chave na continuación do xenocidio en Gaza ao garantir a impunidade dos sionistas polos seus crimes, e subliñou que “Israel ten dereito a defenderse” e que “Irán é a principal fonte de inestabilidade e terrorismo rexional”. Desde o inicio do xenocidio en Gaza en outubro de 2023, no que xa foron asasinadas máis de 55.000 persoas, Israel atacou, amais de Palestina, o Líbano, Siria, o Iemen e agora Irán.

Horas antes da declaración, Israel bombardeou un hospital e a sede de IRIB, a televisión pública iraniana, durante unha emisión, matando tres persoas e xustificándoo na suposta “propaganda antiisraelí” da cadea. Non foron os únicos obxectivos civís bombardeados, pois rexistráronse tamén ataques a áreas residenciais e unha ambulancia, na que asasinou tres paramédicos.

Asemade, o réxime sionista suxeriu que buscará matar nun asasinato selectivo o líder supremo Ali Khamenei, xefe de Estado iraniano, cando a súa situación interna continúa a dexenerar. 

O xornal Haaretz corroborou como cada vez máis residentes no Estado sionista, como mínimo centos xa, están a marchar en iates pagando pasaxes ilegais de milleiros de euros para chegar a Chipre, despois de que se prohibira saír do territorio á poboación.

Trump exixe a "rendición total" iraniana e finta con entrar na guerra

Trump abandonou de forma anticipada a reunión do G7 no Canadá na madrugada da terza feira por mor da situación en Asia Occidental, e descartou o anuncio do presidente francés Emmanuel Macron de que volvía a Washington para tratar de lograr un cesamento do fogo, salientando que aspira a un “final real” do conflito e exixindo a “rendición total” de Irán.

A prensa estadounidense detalla como se dividiu en dous a cúpula militar estadounidense, cunha parte propoñendo sumarse ao ataque de Israel e a outra rexeitándoo, polo que algúns medios aseguraron que os Estados Unidos entrarán no conflito e outros o contrario.

Sexa como for, os envíos de navíos e avións militares do país americano á rexión ou ás inmediacións continúan. O réxime israelí xa pediu en distintas ocasións a Washington que se una á agresión, admitindo que non contan con capacidade para acabar co programa nuclear de Irán.

No contexto das contradicións constantes nas súas declaracións, que levaron a China a acusalo de azuar o conflito logo de demandar a poboación de Tehran que fuxise, Trump adiantou que podería enviar o vicepresidente James David Vance para negociar con Irán, pero fontes do país persa reiteraron que non renunciarán a un programa nuclear civil, cando o consenso é cada vez maior en que –amais de desviar a atención de Gaza– o obxectivo real de Israel é un cambio de réxime.

O propio Trump obstaculizou ao ir engadindo novas exixencias que se rubricara un acordo con Irán como o que el propio rachou en 2018, para limitar a un uso civil o seu programa nuclear a cambio da fin das sancións, e que se negociaba cando Israel atacou.