Israel asasina o novo xefe do Estado Maior de Irán, que levaba catro días no cargo
Ali Shadmani, recentemente designado xefe do Estado Maior de Irán, era un home de máxima confianza de Khamenei.
Israel afirmou esta terza feira que eliminou Ali Shadmani, o recentemente designado xefe do Estado Maior de Irán e home de máxima confianza de Khamenei O Exército israelí considerou que a súa eliminación supón un golpe significativo á cadea de mando das forzas armadas iranianas
Israel reivindica o asasinato a primeira hora desta terza feira. As forzas de defensa israelís, as IDF, cualifican Ali Shadmani como "o comandante militar de maior rango e a figura máis próxima ao Líder Supremo iraniano, Alí Khamenei".
Nun post en X, as IDF aseguraron atacar "un centro de mando no corazón de Teherán". Antes de que Israel asasinase o seu predecesor, Alaa Ali Rashid, ao comezo da Operación León Ascendente, Shadmani era subcomandante do centro de mando de emerxencia Khatam al-Anbiya e xefe da Dirección de Operacións do Estado Maior Xeneral das Forzas Armadas de Irán, explica Tel Aviv.
Para Israel, "a eliminación de Shadmani súmase a unha serie de eliminacións dos máis altos mandos militares de Irán e degrada a cadea de mando das forzas armadas iranianas".
Ataque ao Mosad
Pola súa parte, a Garda Revolucionaria reivindica un ataque á sede do Mosad, o servizo de intelixencia exterior de Israel, no quinto día dun enfrontamento militar con Israel.
A Garda "atacou o centro de intelixencia militar do exército do réxime sionista, Aman, e o centro de planificación de operacións terroristas do réxime sionista, o Mosad, en Tel Aviv. Este centro está actualmente en chamas", declararon nun comunicado lido na televisión estatal.

