A investigación ao rei emérito español, pendente dos acontecementos en Suíza

O fiscal suízo Yves Bertossa estreita o cerco sobre as fundacións e as contas de Juan Carlos de Borbón. Do resultado das súas indagacións dependerá o futuro xudicial do pai do actual rei de España, onde o proceso foi asumido esta semana polo Tribunal Supremo, o principal órgano xudicial español.
2020060914352636356
photo_camera En foco, Carlos Lesmes, presidente do Tribunal Supremo, cuxa Fiscalía asumiu a investigación (Europa Press)

Como un agoiro do que acontecería días despois, o xornal español ABC, de tendencia monárquica, publicaba no 2 de xuño un artigo da súa correspondente para a Casa Real, Almudena Martínez-Fornés, titulado "O Rei que ensombreceu o final dun reinado de éxito" e subtitulado "Impecábel no institucional, cometeu fallos inexplicábeis no terreo persoal".

Martínez-Fornés repasa nesta crónica a vida de Juan Carlos I, partindo de dúas "atenuantes" de cara aos erros que relatará máis adiante do que foi xefe do Estado español entre 1975 e 2014: "A primeira, unha longa tradición familiar de contas no estranxeiro, que lles permitiron sobrevivir nos duros exilios, e a segunda, un matrimonio que aínda que foi elixido libremente tamén puido ser condicionado polas vellas normas da Monarquía, que exixían aos Herdeiros da Coroa casar con Princesas".

Despois de liñas de loanza polo seu "encanto persoal" e pola "fascinación que producía", ademais doutros dos que a correspondente do ABC considera logros, como que "propiciou a única Constitución española froito do consenso", "foi un exemplo de estabilidade e alternancia política, con só seis presidentes do Goberno en case 39 anos" ou "foi o home que na noite do 23 de febreiro de 1981 salvou a democracia dun golpe militar", Martínez-Fornés chega á parte sombría. Cunha explicación para o seu descarrilamento.

Sinala a cronista: "Foi hai máis de 15 anos, cando as cousas comezaron a se torcer. Aquel home que tivera un comportamento impecábel no terreo institucional comezou a cometer erros case inexplicábeis na súa vida persoal, á vez que coñecía unha ambiciosa muller 26 anos máis nova ca el, con grandes aspiracións no mundo dos negocios, chamada Corina Larsen".

"Todo depende de Suíza"

A peza foi publicada a semana pasada. Esta comezaba coa nova que está a ocupar a información da maioría dos principais medios da prensa española: a Fiscalía do Tribunal Supremo asumiu as dilixencias por branqueo de capitais e delito fiscal en que está involucrado Juan Carlos de Borbón, que só poderá ser imputado por feitos posteriores á súa abdicación en xuño de 2014.

O actual proceso iniciouse o 3 de marzo, cando o xornal Tribune de Genève publicou que a Fiscalía suíza investigaba nunha doazón de 100 millóns de dólares do rei de Arabia Saudí ao rei emérito español, froito da suposta mediación deste último no contrato do AVE á Meca, e que acabara nun banco dese país. 

Durante os seguintes días, relata eldiario.es, publicáronse detalles da pescuda, que obrigaron o rei Felipe VI, no 15 de marzo, a retirar a asignación constitucional que até entón percibía o pai del. Tamén, nun acto máis simbólico que de relevancia xurídica, a renunciar á súa herdanza. 

Agora, segundo explica o xornal Público citando dúas fontes do ministerio público, "todo depende de Suíza". "Do que chegue de Xenebra dependerá se o rei emérito senta no banco acusado de corrupción ou se, pola contra, queda exonerado unha vez aclarada a súa implicación" no manexo dos 100 millóns de dólares en Suíza.

Tamén citando fontes do Ministerio Fiscal, o diario El Confidencial relata que "as empresas españolas que se adxudicaron en 2011 o AVE Meca-Medina pactaron un ano antes cun dos membros máis destacados da casa real saudita pagarlle 120 millóns de euros por supostos servizos de consultoría". Este contrato forma parte das dilixencias que mantiña abertas a Fiscalía Anticorrupción e constitúe, a xuízo do Ministerio Público, "un dos indicios máis fortes de corrupción ao redor da infraestrutura".

O ABC, pola súa banda, involucra o poder Executivo nas decisións do Xudicial. Na portada de onte, titulaba: "[Dolores] Delgado impón á Fiscalía do Estado servir ao Goberno". Nas páxinas interiores explica "as manobras da fiscal xeral" en tres casos que marcan e marcarán a política española: o do major dos Mossos (máximo cargo do corpo de policía catalán) , Josep Lluís Trapero; o da investigación polas marchas do 8-M en Madrid; e o do rei emérito.

Segundo a revista Forbes, a fortuna de Juan Carlos de Borbón estímase en, como mínimo, 2.000 millóns de euros, aínda que o seu patrimonio é un dos maiores segredos no Reino de España.

Comisión parlamentaria

"O Goberno non vai interferir. A Xustiza é igual para todos". Esas foron as declaracións da ministra portavoz do Goberno de España, María Jesús Montero (PSOE), pouco despois de o seu socio no Executivo, Unidas-Podemos, reclamar a posta en marcha da comisión de investigación no Congreso que meses antes foi rexeitada, segundo informou TVE. O BNG, a través do seu deputado, Nestor Rego, tamén confirmou que volverá pedir esa comisión. Da mesma maneira pronunciáronse o resto de formacións independentistas, nacionalistas e Más País.

Pola súa banda, o principal partido da oposición, o PP, manifestou o seu respecto ás decisións xudiciais así como á institución, a Coroa, que o partido da extrema dereita Vox cre que é o que se está a xulgar realmente no canto do delito en si.

Comentarios