Imputada Federica Mogherini por fraude e corrupción no caso de formación de diplomáticos da Unión Europea

A Fiscalía Europea imputou a ex alta representante da Política Exterior da UE Federica Mogherini por presunta fraude e corrupción na contratación dun programa de formación diplomática financiado pola UE, nun caso que tamén implica outras dúas persoas e que levou a rexistros no Colexio de Europa e no Servizo Europeo de Acción Exterior.
Federica Mogherini, o pasado 20 de xuño. (Foto: Belga / Europa Press)
Federica Mogherini, o pasado 20 de xuño. (Foto: Belga / Europa Press)

A ex alta representante da Política Exterior da Unión Europea, Federica Mogherini, foi imputada pola Fiscalía Europea por presuntos delitos de fraude, corrupción na contratación pública, conflito de intereses e violación do segredo profesional no marco dunha investigación sobre un programa de formación financiado pola UE.

A detención produciuse esta terza feira, durante unha operación na que a Fiscalía Europea levou a cabo rexistros tanto no Colexio de Europa en Bruxas (Bélxica), institución que Mogherini dirixe desde 2020, como no Servizo Europeo de Acción Exterior (SEAE) en Bruxelas. Xunto a Mogherini foron igualmente detidas e imputadas outras dúas persoas.

O caso afecta a Academia Diplomática da UE, un programa de nove meses dirixido a mozas e mozos diplomáticos dos Estados membros. O SEAE adxudicou en 2021 a súa execución ao Colexio de Europa tras un procedemento de licitación pública.

A investigación trata de determinar se representantes desta institución académica foron informados previamente dos criterios de selección e tiñan suficientes indicios para crer que o proxecto lles sería adxudicado antes da publicación oficial da licitación.

A Fiscalía Europea explica que existen "fortes sospeitas" de que se vulnerou o artigo 169 do Regulamento Financeiro da UE, que garante a competencia leal, e de que se compartiu información confidencial sobre o proceso de contratación con un dos candidatos participantes. Esta filtración podería ter condicionado o resultado da licitación en favor do Colexio de Europa.

Antes de proceder aos rexistros, a Fiscalía Europea solicitou e obtivo o levantamento da inmunidade das persoas investigadas, un paso imprescindíbel para poder actuar. Este órgano xudicial, independente das institucións comunitarias, é o responsábel de investigar e perseguir os delitos que afectan aos intereses financeiros da UE.

Comentarios