Rueda avala a xestión na Xunta de Norberto Uzal, condenado por fraude

O presidente di que non ve "razóns" para revisar a xestión de Uzal como directo xeral.
O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta. Sala do Consello, 27/10/25.
O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda. (Foto: Xunta da galiza)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, confía na xestión que Norberto Uzal fixo na súa etapa de director xeral no Goberno galego, entre 2009 e 2013, malia a súa recente condena a 19 anos de prisión por fraude fiscal no coñecido como 'Caso hidrocarburos'. Rueda afirma que non ve "razóns" para revisar a xestión de Uzal nos seus anos como alto cargo da Xunta da Galiza.  

O presidente galego, Alfonso Rueda, mostrou esta segunda feira a súa confianza na xestión de Norberto Uzal como director xeral da Administración Local no Goberno galego entre 2009 e 2013 e desbotou "revisar o labor" do ex alto cargo, condenado a semana pasada a 19 anos de cárcere por fraude fiscal no marco da causa aberta no sector dos hidrocarburos. Preguntado por Nós Diario sobre se, tras esa condena, el mantiña a confianza no traballo feito por Uzal nos seus anos como director xeral ou se vía adecuada unha "investigación" daquela etapa, Rueda dixo que Uzal foi condenado por cuestións que "non teñen nada que ver" co seu desempeño na Xunta da Galiza "hai máis de 12 anos". 

"Mentres foi director xeral non teño a percepción nin a tiven de que fixese nada en contra de ningunha normativa. Non vexo razóns para revisar o labor dunha persoa que está condenada por cousas que non teñen nada que ver coas súas funcións na Xunta", manifestou o presidente.

Norberto Uzal foi durante anos unha das persoas máis próximas a Alfonso Rueda, quen o designou director xeral de Administración Local en 2009 tras telo como colaborador desde a súa etapa no Concello de Cambados, onde Rueda chegou en 2003 como secretario e Uzal estaba contratado na asesoría xurídica.

Oferta de emprego

Rueda realizou estas declaracións na comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego, que aprobou esta segunda o decreto da oferta de emprego público (OPE) da Administración xeral da Xunta, que ascende a 1.103 prazas. Delas, 803 serán de acceso libre e 300 para promoción interna. Rueda explicou  que 138 das prazas serán para o servizo de prevención e defensa contra incendios forestais. Na xuntanza, tamén se aprobou renovar —con 5,4 millóns de euros—as axudas directas para mulleres vítimas da violencia de xénero. 

Manifestacións

A preguntas da prensa, Alfonso Rueda xustificou esta segunda a concentración convocada en Madrid polo PP —e á que o propio Rueda asistiu— e voltou a criticar as manifestacións que se convocan na Galiza contra a xestión do Goberno galego. Para o titular da Xunta, a diferenza entre unha e outras son os "condicionantes". Rueda defende que el foi a Madrid para  trasladar algo que afirma que partilla gran parte da sociedade, "que isto é insostíbel" e que hai que "convocar eleccións", mentres que as mobilizacións na Galiza responden ao "camiño" dos que queren lograr os "seus obxectivos laborais ou políticos"  creando "un clima de tensión e enfrontamento". 

O Consello de Avogacía di 'non' á proposta da Xunta

O Consello da Avogacía Galega manifestou esta segunda que non asinará o convenio de baremo da quenda de oficio para 2026 -que substituiría o asinado en 2021 que terminou en novembro- ao considerar que a proposta económica da Xunta é "manifestamente insuficiente e non garante a continuidade digna do servizo público de xustiza gratuíta".

Comentarios