Illa seguirá á fronte da Sanidade até que comece a campaña en Catalunya

O candidato do PSC ás eleccións do 14 de febreiro ten previsto traballar algún tempo máis desde o ministerio, que sufrirá un relevo en plena pandemia da Covid-19.
O aínda ministro Salvador Illa. (Foto: David Oller / Europa Press)
photo_camera O aínda ministro Salvador Illa. (Foto: David Oller / Europa Press)

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, seguirá a traballar no departamento até que comece a campaña electoral. Malia que esta semana foi confirmado como o candidato do PSC ás eleccións catalás, prefire manterse un tempo máis no cargo. 

“Deixarei de ser ministro cando comece a campaña electoral. Até entón ocupareime das miñas tarefas como ministro”, incidiu nunha entrevista concedida ao xornal La Vanguardia e recollida por Europa Press. 

De feito o departamento que aínda dirixe terá que ser reestruturado no medio da pandemia e da campaña de vacinación, que comezou o pasado 27 de decembro. 

Ao respecto, xa se especula con que a súa compañeira na carteira de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, vai ser a que ocupe o posto que quedará baleiro. 

Nese caso, cabe a posibilidade de que tamén acceda ao Goberno do Estado español Miquel Iceta, o que era candidato en Catalunya até o nomeamento de Illa.   

Alleo a estes cambios, Illa amosou que de momento quere seguir en Sanidade porque “en quince días de campaña hai tempo para explicar a nosa proposta aos cataláns”. O ministro evitou contestar de forma directa á pregunta de se empregará o seu cargo para facer campaña e gañar votos. 

Recoñecemento a Iceta

Que fora cabeza de lista era un asunto do que falaban “desde metade de novembro”, se ben “a decisión non se tomou até o último momento”. Respecto ao seu antecesor, afirmou: “Iceta fixo un acto de xenerosidade pouco habitual na política. El renuncia ao que quería e eu asumo unha responsabilidade á que non aspiraba”. 

“Díxome que fago falla aquí, que non podemos afrontar as eleccións como unhas máis, que hai que romper a dinámica da resignación. E non podo cruzarme de brazos”, resumiu Salvador Illa. 

Comentarios