A Igrexa católica alemá desafia o Vaticano e bendicirá parellas homosexuais

A partir de marzo de 2026, a Igrexa católica alemá poderá celebrar cerimonias de bendición de parellas homosexuais, desafiando as normas estabelecidas polo Vaticano.
Un cardeal alemán toma a palabra durante un asemblea da Igrexa católica xermana (Foto: Frank Rumpenhorst / DPA)
photo_camera Un cardeal alemán toma a palabra durante un asemblea da Igrexa católica xermana (Foto: Frank Rumpenhorst / DPA)

A partir de marzo de 2026, a Igrexa católica alemá poderá celebrar cerimonias de bendición de parellas homosexuais, desafiando as normas estabelecidas polo Vaticano, a máxima autoridade desta confesión relixiosa.

Os bispos votaron a favor do desenvolvemento de liturxias para a bendición de parellas que non reúnen os requisitos da Igrexa católica para o sacramento do matrimonio, incluídas as parellas do mesmo sexo e as que se volveron a casar fóra da Igrexa tras un divorcio.

A resolución do órgano católico alemán, que alcanzou a maioría necesaria de dous terzos, insta os bispos do Estado xermano, cada un dos cales ten autoridade sobre este asunto na súa propia diocese, a adoptar esta práctica.

Os bispos votaron no marco do Camiño Sinodal de Alemaña, unha asemblea de líderes estatais dos clérigos católicos e laicos decorrida en Frankfurt, que comezou a principios de 2020 en resposta a unha investigación de abusos sexuais históricos na Igrexa alemá. A moción recibiu 176 votos a favor, 14 en contra e 12 abstencións.

O Vaticano deixara claro en 2021 que "non está permitido" bendicir as unións homosexuais, xa que tales unións "non podían ser recoñecidas como obxectivamente ordenadas aos plans revelados de Deus".

A Igrexa católica alemá non ve perigo de escisión

Pola súa parte, o presidente da Conferencia Episcopal Alemá, Georg Bätzing, asegura que non ve perigo de escisión eclesiástica tras as decisións de reforma da Asemblea Sinodal.

"É un sinal de alarma que se invoca repetidamente. Non falamos diso, non o desexamos, e permaneceremos en unidade coa gran Igrexa católica do mundo", declarou Bätzing a ZDF.

Comentarios