Demandan no Congreso que os colexios maiores universitarios que segregan por sexo non reciban cartos públicos

BNG e Máis País rexistran senllas emendas á Lei de universidades após o episodio machista do CMU Elías Ahúja, adscrito á Complutense de Madrid.

Colexio Maior Universitario Elías Ahuja, en Madrid. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Colexio Maior Universitario Elías Ahúja, en Madrid. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

Máis País-Verdes Equo e o BNG veñen de presentar no Congreso senllas emendas ao proxecto de Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) nas que piden que aqueles colexios maiores universitarios que segreguen por sexo non reciban financiamento público. Ambas as formacións presentaron estas emendas logo de que a semana pasada tornase 'viral' nas redes sociais un vídeo no que alumnos do Colexio Maior Universitario masculino Elías Ahúja de Madrid amedrentaban as súas veciñas do CMU Santa Mónica —feminino—.

Nas imaxes difundidas pode apreciarse como os estudantes involucrados, de forma coordinada, profiren berros como "ninfómanas", "putas" ou "prometemos que hoxe ides foder (sic) todas". Algunhas das increpadas valoraron que se sacou "de contexto" e que non se sentiron "ofendidas", se ben outras residentes do Santa Mónica manifestaron o seu "medo" e "malestar".

En concreto, a emenda rexistrada por Máis País-Verdes Equo no Congreso prohibe que os colexios privados non mixtos ou segregados poidan adscribirse a universidades públicas, como é o caso do Elías Ahúja madrileño, que ten un convenio coa Universidade Complutense.

Con todo, a emenda presentada pola formación que lidera Íñigo Errejón sinala que "aqueles convenios que se atopen vixentes á entrada en vigor desta lei poderán manterse até o seu vencemento, mais non renovarse". "Desde as universidades públicas débese garantir un modelo de residencias de estudantes que se rexa polos principios de igualdade", reza o texto.

Pola súa parte, a emenda ao articulado de modificación presentada polo BNG subliña que "non poderán recibir financiamento público aqueles colexios maiores que segreguen por sexo as persoas residentes".

O deputado Néstor Rego presentou outra emenda que estabelece que "os colexios maiores universitarios só poderán ser xestionados e promovidos por entidades sen ánimo de lucro ou polas propias universidades de forma directa, e a forma de acceso aos mesmos responderá prioritaria e fundamentalmente a criterios socioeconómicos sen prexuízo dos criterios académicos e doutros criterios que, de conformidade cos principios de igualdade e inclusión, poidan, no seu caso, estabelecer as bases reguladoras atendendo á discapacidade e as súas necesidades de apoio, á orixe nacional e étnica, ás circunstancias sociais, cargas familiares, situacións de violencia de xénero e outras formas de violencia contra a muller, así como outras características específicas do estudantado".

Universidades apoia a proposta

Neste contexto, o Ministerio de Universidades traballará para que se aproben as emendas, segundo sinalaron a Europa Press fontes do departamento que dirixe Joan Subirats. O Ministerio ten unha postura "positiva" a respecto desta iniciativa e tivo "moi boa sintonía e colaboración" con Máis País-Verdes Equo, precisaron.

Comentarios