Hamás denuncia que Netanyahu está a "sabotar" o alto o fogo ao non liberar os presos palestinos no último intercambio
A tregua que entrou en vigor o 19 de xaneiro en Gaza entre Hamás, que goberna o enclave palestino, e o Executivo de ultradereita israelí está ao límite após non cumprir os sionistas coa liberación de 620 presos palestinos como parte do intercambio do sábado, o que o grupo palestino atribúe a que o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, está a “sabotar intencionalmente o acordo”, subliñou a segunda feira á canle Al Jazeera Basem Naim, membro da súa dirección.
Netanyahu “está a preparar a atmosfera para regresar á guerra”, reiterou, despois de condicionar a súa participación nas negociacións para a segunda fase do alto o fogo á liberación de palestinos que estaba prevista.
O sábado, Hamás entregou seis israelís presos na Faixa, os últimos con vida integrados na primeira etapa da tregua. Porén, o réxime sionista bloqueou a liberación dos palestinos aducindo o “tratamento bárbaro” que recibiron en cativerio os israelís.
Sexa como for, a tortura e as violacións aos dereitos humanos son constantes nos cárceres israelís.
A decisión foi apoiada polos Estados Unidos, principal aliado e provedor de armas de Israel, cuxo presidente, Donald Trump, asegurou que están preparados para apoiar o réxime en “calquera curso de acción que elixa con respecto a Hamás”.
Siria
En paralelo, a Unión Europea pactou suspender as sancións aos sectores da enerxía e o transporte en Siria, así como relaxar as medidas coercitivas en ámbitos como o bancario, nunha decisión adoptada despois de que en decembro os xihadistas se fixeran co control de boa parte do territorio, instaurando un Goberno fundamentalista.
