A guerra en Ucraína, en directo, este 11 de abril

Soldado ucraíno nun hangar do aeroporto de Gostomel preto de Kíiv co avión de carga destruído Antonov An-225 Mriya tras semanas de combates entre os exércitos ruso e ucraíno. (Foto: Celestino Arce Lavin). Unha muller láiase despois de coñecer a morte dos seus familiares após un ataque aéreo ruso en Gostomel. (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi). Tanque destruído rodeado dos seus proxectís en Andriivka, perto Kíiv. (Foto: Celestino Arce Lavin).
Sigue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto. 

🔴 [EN DIRECTO]

 

18.58 | As autoridades de Donetsk acusan o exército ucraíno de bombardear casas e infraestruturas

A Garda Popular de Donetsk acusou o exército ucraíno de bombardear varias residencias familiares e infraestruturas básicas en varias vilas da República Popular de Donetsk.

15.25 | Rusia anuncia a matanza dun líder neonazi ucraniano

As Forzas Armadas rusas liquidaron a Tarás Bobánich, un dos líderes do grupo neonazi radical Pravy Séktor, responsábel de centos de mortes de civís en Donbass, incluídos nenos, informou esta segunda feira Ministerio de Defensa de Rusia.

Un grupo especial ruso eliminou un líderes do chamado 'corpo ucraíno de voluntarios Pravy Séktor', recolle Russia Today. Bobánich "ordenou persoalmente o bombardeo de zonas residenciais en Donetsk e Lugansk con armas pesadas" e é culpábel de "centos de mortes de civís nas Repúblicas Populares, incluídos nenos". Ademais, foi "ideólogo da chamada teoría da 'superioridade da raza ucraína'" e responsábel de "participar persoalmente en ataques e asasinatos da poboación rusoparlante en Ucraína", precisou o departamento de Defensa.

10.12 | Borrell alerta dunha grande ofensiva rusa no leste de Ucraína

"As tropas rusas están a se concentrar no leste para lanzar un ataque contra o Donbás. Témome que a guerra se vai incrementar no Donbás os próximos días", alertou antes da reunión do Consello de Asuntos Exteriores que ten lugar en Luxemburgo.

A UE aprobou elevar o financiamento do envío de armas até os 1.500 millóns e os aliados da OTAN xa buscan formas de facer chegar tanques a Ucraína.

09.59 | Finlandia e Suecia estarían a planear unirse á OTAN en xuño

Segundo informou o diario británico The Times, Finlandia e Suecia estarían a valorar solicitar o seu ingreso na Alianza Atlántica o próximo mes de xuño, após o encontro dos titulares de Exteriores dos países membros da OTAN e de ambos os dous países nórdicos.

Funcionarios destes territorios terían sinalado o "grande erro estratéxico" de Rusia coa invasión de Ucraína, pois Finlandia e Suecia "están listas para unirse á OTAN no verán".

09.37 | A Unión Europea inicia esta segunda feira o debate sobre sancionar o gas e o petróleo rusos

Os ministros de Exteriores reúnense para dar resposta á invasión rusa de Ucraína e ao agravamento dos combates no leste do país.

Opcións como aplicar aranceis á enerxía ou pagar as subministracións a través dun fidecomiso pairan no Consello de Asuntos Exteriores que ten lugar en Luxemburgo, mais sen propostas fechadas sobre a mesa. Os 27 están aínda lonxe do consenso necesario para impor estas restricións, subliñou un alto cargo da UE.