Golpe xudicial ao PP: o número dous de Interior entra en prisión e a parella de Ayuso está perto de ir a xuízo

Francisco Martínez, ex secretario de Estado de Seguridade, o 28 de outubro de 2024. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Francisco Martínez entra en prisión provisoria por integrar unha organización criminal.

A xuíza da Audiencia Nacional María Tardón e a súa homóloga do Xulgado de Instrución 19 de Madrid, a capital española, Inmaculada Iglesias, propinaron a quinta feira un golpe por partida dobre ao Partido Popular (PP).

A primeira ordenou a entrada en prisión provisoria de Francisco Martínez, ex deputado da forza conservadora e secretario de Estado de Seguridade no Ministerio de Interior entre 2013 e 2016, durante o mandato de Mariano Raxoi (2011-2018), ao que acusa de integrar unha organización criminal dedicada ao branqueo de diñeiro dunha trama de compravenda de datos roubados.

Martínez, que xa foi trasladado ao cárcere, fora detido a terza feira canda ao hacker José Luis Huertas, alcumado ‘Alcasec’, tamén enviado a prisión, un presunto socio, Adrián Molina, e o youtuber Álvaro Martin, arrestado en Andorra e do que se demandará a súa extradición.

A entrada en prisión de Martínez partiu dunha solicitude da Fiscalía para evitar a “destrución de probas”, nunha investigación que deu inicio en 2024 após unha vaga de ataques informáticos contra entidades públicas, empresas eléctricas e redes telefónicas. Martínez foi culpado por abrir dúas empresas para Huertas, ao que xa defendera como avogado por mor dunha detención en 2020.

Procesada a parella de Ayuso

No segundo caso, Iglesias puxo fin á instrución da causa e propuxo xulgar Alberto González Amador, parella da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso (PP), por fraude fiscal e falsificación de documentos. En paralelo, continúa aberta outra peza xudicial por corrupción nos negocios e administración desleal.

A xuíza concluíu que estivo detrás dunha operación para evitar pagar máis de 120.000 euros referentes ao imposto de sociedades dos exercicios de 2020 e 2021 utilizando unha trama de facturas falsas de empresas pantalla.