A xuíza envía a prisión o ex número dous de Interior co PP por organización criminal

Canda a el, a maxistrada decretou o ingreso en prisión do 'hacker' José Luis Huertas, alias 'Alcasec'

O ex secretario de Estado de Seguridade Francisco Martínez á súa chegada para declarar na Audiencia Nacional en outubro de 2024. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
O ex secretario de Estado de Seguridade Francisco Martínez á súa chegada para declarar na Audiencia Nacional en outubro de 2024. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

a xuíz da Audiencia Nacional que investiga unha presunta trama que roubou e vendeu datos de organismos públicos e privados, María Tardón, acordou esta quinta feira o ingreso en prisión provisional do que foi secretario de Estado de Seguridade co PP, Francisco Martínez. A decisión xudicial chega despois de que a policía española o detivese a pasada terza feira por formar parte dunha presunta organización criminal que se dedicaba ao 'hackeo' e roubo de datos de institucións públicas.

Ademais, a xuíza decretou tamén o ingreso incondicional no cárcere do 'hacker' José Luis Huertas, coñecido como 'Alcasec', e do seu socio, Adrián Molina, até que queden aseguradas as bases de datos ás que presuntamente accedería a trama, en liña co solicitado polo Ministerio Público. Polo que se refire ao outro investigado, o youtuber Álvaro Martín Rodríguez, o único que non se atopa no Estado español, a Fiscalía solicitou a súa extradición a Andorra.

A titular do Xulgado Central de Instrución Número 3 tivo en conta o risco de destrución ou alteración de probas respecto a Martínez, e ese mesmo e os de reiteración delituosa e fuga, para 'Alcasec' e Molina; todos eles investigados por presuntos delitos de branqueo de capitais, descubrimento e revelación de segredos e delito de organización criminal.

Segundo fontes xurídicas, Martínez declarou durante 30 minutos nos que asegurou que só tentou axudar a 'Alcasec' tanto en calidade de avogado como a nivel persoal, limitando a súa intervención á constitución das empresas coas que operaba o 'hacker'. Así, desvinculouse do que fixese con elas, subliñando que xamais se enriqueceu cos datos aos que puidese ter acceso.

Martínez contou que, até onde el sabía, 'Alcasec' estaba a desenvolver un buscador que organizaba con Intelixencia Artificial (IA) a información obtida de fontes abertas da internet. No marco do asesoramento legal que lle prestou, Huertas facilitoulle o acceso a ese buscador para que o ex secretario de Estado o probase, indicou, aseverando que nas súas procuras non apreciou nada fóra do normal.

'Operación Borraska'

A 'Operación Borraska' iniciouse en 2024 tras detectarse unha serie de ciberataques sistemáticos e sostidos no tempo contra infraestruturas informáticas de organismos públicos, empresas do sector enerxético, portos, sistemas de transporte, redes telefónicas e plataformas educativas. "A rede desenvolvera unha plataforma tecnolóxica integrada que permitía almacenar, indexar e comercializar datos segmentados, individualizados e vinculados a persoas físicas, entidades xurídicas e operacións institucionais", apuntou a policía española.

Esta capacidade, engadían, "permitíalles elaborar perfís completos, cruzar información en tempo real e ofrecer servizos personalizados de consulta a terceiros, que accedían a través dun bot cifrado nunha coñecida rede social".

Toda a operativa, sostén a policía, "estaba aloxada en servidores distribuídos na nube, que o grupo consideraba inaccesibles para os Corpos e Forzas de Seguridade". Os investigadores aseguran que "a estrutura criminal operaba como unha auténtica rede de intelixencia privada, con funcións claramente diferenciadas". Entre as mesmas atopábanse a administración tecnolóxica, o desenvolvemento de ferramentas de anonimato, a xestión financeira a través de criptoactivos, o asesoramento xurídico, a expansión internacional e a comercialización en mercados escuros. "Un dos membros desempeñaba un rol chave nesta internacionalización, ampliando as operacións a terceiros países mediante contactos profesionais consolidados", precisou a policía.

O papel de Francisco Martínez

A rede instrumentalizaría "as súas relacións persoais e profesionais para presentarse como unha contorna lexítima de asesoramento tecnolóxico, branqueando a súa operativa mediante estruturas societarias e servizos de consultoría que facilitaban a súa inserción en contornas económicas e institucionais".

Fontes da defensa de Francisco Martínez indicaron a Europa Press que foi avogado de 'Alcasec' cando este era menor de idade. En concreto, o que foi número dous de Interior tería constituído dúas sociedades para o 'hacker' a cambio de 1.500 euros. Nesta liña, apuntaban que o papel de Martínez só se limitou á constitución desas sociedades, que supostamente non administraría nin xestionaría. Tampouco se ocupou da contabilidade.

Segundo a policía española, "un dos logros máis importantes desta operación foi a intervención e recuperación da infraestrutura tecnolóxica da rede". "A pesar do uso de identidades falsas, criptomonedas, cifrado extremo e roteiros anónimos de acceso, os investigadores conseguiron identificar e desmantelar os servidores principais, así como recuperar as bases de datos aloxadas na nube", precisa.

Comentarios