A sospeita da corrupción paira sobre a presidencia de Ursula von der Leyen
Pedro Sánchez e Ursula von der Leyen reuníronse esta cuarta feira en Bruxelas no marco das xuntanzas que a presidenta da Comisión Europea está mantendo cos mandatarios dos Estados comunitarios. O aumento do gasto militar e a agresión de Israel contra a poboación civil da Faixa de Gaza marcaron o encontro.
A reunión entre Pedro Sánchez e Ursula von der Leyen desenvolveuse nun momento en que a xustiza comunitaria ten no foco a presidenta da Comisión Europea polas súas negociacións durante a pandemia coa multinacional farmacéutica estadounidense Pfizer, unha das principais fornecedoras de vacinas contra Covid-19 aos Estados da Unión Europea (UE). En relación con isto, o pasado 14 de maio, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditou unha resolución contra o Executivo comunitario por negarse a facer públicas as mensaxes de Whatsapp partilladas entre Von der Leyen e o conselleiro delegado de Pfizer, Albert Bourla.
A orixe deste procedemento xudicial remóntase a finais de 2020, cando a vacina de Pfizer contra o coronavirus aínda non superara a fase de ensaio clínico. Naquela altura, Ursula von der Leyen e Albert Bourla cruzáronse varias mensaxes de whatsapp previas á sinatura do acordo entre Pfizer e a Comisión Europea, que reportaron á multinacional estadounidense uns ingresos de 35.000 millóns de euros pola venda de 1.800 millóns de doses de vacinas mediante un contrato de longa duración. Precisamente, os contidos dos SMS desvelaron que estas negociacións achegaron á farmacéutica, posteriormente, 1.800 millóns de euros suplementarios aos pactados.
Ursula von der Leyen comezou os contactos co directivo da multinacional estadounidense cando aínda carecía de autorización dos Estados da Unión Europea para levar adiante a operación de compra. Tanto é así que as autoridades comunitarias non coñeceron os termos exactos do contrato acordado entre Pfizer e a presidenta da Comisión Europea até marzo de 2021, sendo aprobado polo Colexio de Comisarios, máximo órgano de Goberno colexiado da Comisión Europea, en xuño deste ano. As auditorías realizadas pola propia Comisión Europea concluíron que non se chegaron a utilizar doses da vacina da Covid-19 valoradas nunha contía mínima de 4.000 millóns.
O contido das mensaxes entre Von der Leyen e Bourla coñeceuse en abril de 2021, a raíz dunha investigación xornalística do diario estadounidense The New York Times, que abriu a porta en 2023 a unha investigación por parte da fiscalía da cidade belga de Liexa, quen atribuíu á presidenta da Comisión Europea supostos delitos de "interferencia en funcións públicas, corrupción e conflito de intereses". Ao tempo, The New York Times formalizou en febreiro dese ano unha demanda contra a Comisión Europea por negarse a facilitarlle copia das mensaxes, argumentando a súa "natureza efémera e de curta duración" e sinalando que foran borradas.
A resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do pasado 14 de maio supón un golpe para a Comisión Europea e para Von der Leyen. Na sentenza, sinálase que "a Comisión non pode limitarse a afirmar que non ten os documentos solicitados senón que debe presentar explicacións críbeis que permitan ao público e ao Tribunal entender por que non poden atoparse". Na mesma dirección, apúntase que o Executivo comunitario non aclarou se as mensaxes "se suprimiron e, de ser así, se a supresión foi voluntaria ou automática ou se o teléfono móbil da presidenta foi substituído nese intervalo de tempo".
As mensaxes entre Von der Leyen e Bourla evidencian a relación co negocio farmacéutico por parte da presidente da Comisión Europea. De feito, o seu marido, Heiko von der Leyen, alcanzou a dirección médica da biotecnolóxica estadounidense Orgenesis, que partilla accionistas con Pfizer, coincidindo co intercambio de Whatsapps da dirixente comunitaria co conselleiro delegado da farmacéutica. Asemade, Orgenesis recibiu axudas millonarias das autoridades comunitarias para diversos proxectos, nun dos cales Heiko von der Leyen actuou como supervisor.
A industria militar
A pantasma da corrupción paira sobre Von der Leyen desde a súa etapa como ministra de Angela Merkel en Alemaña. O Tribunal de Contas dese país advertiu de múltiples irregularidades na súa época de titular de Defensa entre 2013 e 2019 e denunciou a sinatura de centos de contratos de consultaría que prescindiron do procedemento legalmente estabelecido e nos que se recorreu á adxudicación directa. Neste sentido, a actual presidenta da Comisión Europea recoñeceu en 2020, no marco dunha investigación no Parlamento alemán onde era acusada de nepotismo, "erros" na política de contratación do seu departamento.
A carreira política de Ursula von der Leyen, que quere centralizar agora a compra de armas de todos os Estados da Unión Europea, está marcada pola súa intensa relación coa industria do armamento. De feito, á volta de 2015 a oposición alemá reclamou a súa dimisión como ministra de Defensa, tras coñecerse que negociou e autorizou a compra por 180 millóns de euros de 176.000 fusís de asalto á empresa Heckler & Koch. Curiosamente, o Goberno alemán destruíu os correos electrónicos cruzados entre os directivos desa compañía e Von der Leyen.
Sánchez comprométese a aumentar o gasto militar
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o mandatario español, Pedro Sánchez, abordaron onte en Bruxelas, o plan comunitario para incrementar o gasto en defensa en liña coa disposto pola OTAN. A este respecto, Sánchez subliñou o compromiso do seu Goberno con aumentar o gasto militar e lembrou que o Estado español "ten despregados máis de 3.000 militares no exterior, investindo nestes operativos 10 veces máis que a media da OTAN". Na mesma dirección, reiterou a súa decisión de apoiar a defensa de Ucraína e despregar máis efectivos no leste de Europa, en liña coa estratexia da OTAN contra Rusia e China.
Outro dos aspectos analizados na xuntanza de onte foi a posición da Unión Europea (UE) en relación coa ofensiva militar do Exército sionista na Faixa de Gaza. Nesta dirección, Sánchez expresou a Von der Leyen a súa "extrema preocupación ante a catástrofe humanitaria da que a poboación gazatí é hoxe a principal vítima". Nesta perspectiva, demandou "aumentar a presión sobre Israel para que deteña a súa invasión ilegal mediante a suspensión do Acordo de Asociación UE-Israel, a posta en marcha de sancións e o embargo á venda de armas".