O Goberno español aumentou en máis de 260% o gasto militar nos oito últimos anos
A cuarta feira, o presidente do Estado español, Pedro Sánchez (PSOE), insistiu no Congreso en que no seu mandato logrou pasar do 0,9% do produto interior bruto (PIB) de gasto militar “que deixou a Administración de Mariano Raxoi (PP)” a superar 1,2% en 2023, á espera de que a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) confirme o nivel de gasto do ano 2024.
A alianza militar pactara hai unha década elevalo a 2% do PIB, e negocia un novo obxectivo con algúns dos membros reclamando que se fixe en 5%, logo de exixir este díxito Donald Trump ao volver á Casa Branca.
Certo é que a estimación da OTAN para o pasado exercicio é de 1,28% do PIB, colocando o Estado español á cola dunha listaxe encabezada por Polonia (4,12%), Estonia (3,43%) e os Estados Unidos (3,38%). Porén, a realidade é que en 2023, o ano no que foron aprobados os últimos Orzamentos Xerais do Estado, posteriormente prorrogados, e a pesar das afirmacións de Sánchez, o gasto militar no Estado español estivo a piques de chegar a 2%, confirma unha investigación do Centro Delàs de Estudos pola Paz.
Nesas contas, o gasto do Ministerio de Defensa foi marcado en 14.454 millóns de euros, mais a entidade cifrou o gasto real en 28.394 millóns, 1,9% do PIB, pouco por riba da porcentaxe de 2024 (1,82%). Xa neste ano, a entidade advirte de que o gasto militar alcanzará 42.000 millóns de euros, unha suba de 48% en apenas dous anos.
Atendendo ás cifras oficiais, desde os 5.734 millóns de euros recollidos nas contas para gasto militar en 2016 até os 21.000 millóns de euros que o Executivo español estima en 2024 –o nivel de execución das partidas prevese que se faga público a vindeira semana–, o incremento é de máis de 260%.
Civio, unha organización orientada a combater a opacidade na Administración pública e exixir que renda contas, detallou que os sobrecustos neste ámbito son comúns, cun gasto de fondos real sempre por riba do que contemplan os orzamentos, e que foi de 19% en 2016, 14% en 2017, 9% en 2018 e 2019, 7% en 2020, 13% en 2021, 30% en 2022 e 15% en 2023.
Tras inquirir ao Ministerio de Defensa sobre esta situación, o organismo aseguroulle que na súa proposta de orzamento abrangue “a totalidade das necesidades que prevé”, mais “é o Ministerio de Facenda o que, posteriormente, decide incluír só unha parte desas necesidades no orzamento inicial”.
No marco desta práctica xeneralizada, a entidade descubriu unha corentena de contratos ao respecto de gastos cos que xa se contaba, como compras de uniformes, que non foron engadidos nas contas públicas, e que se vincularon co apartado de operacións de mantemento da paz, mais que, na práctica, pola carencia de fondos desta sección, foron asumidos polo Fondo de Continxencia, unha parte do orzamento dedicada a gastos non previstos.
Enxeñaría financeira
“Queda moi bonito dicir que vas gastar moitos centos de millóns en cooperación internacional”, mais a todos os Gobernos de “todas as cores semella que lles dá apuro recoñecer o gasto real en certas cousas, como por exemplo defensa”, sinalou a Nós Diario David Cabo, codirector de Civio, que ratificou que o gasto militar é o que concentra o maior sobrecusto nas contas, con ámbitos como I+D e cooperación internacional como os máis prexudicados en relación ás cifras oficiais dos orzamentos.
Estas decisións, ocultando ou manipulando as cifras de gasto real, son “puramente política de quedar ben” e de ofrecer a imaxe que interese ao Gabinete, o que tamén explica a dificultade para poder acceder aos datos, relata.
Tamén cuestiona a ética desta práctica, que “non permite á cidadanía ter un debate informado” cando “sabemos” que os orzamentos “non son reais”, criticando a tentativa de “distorcer” os díxitos de maneira “sistemática”. “Hai cousas que quedan mellor no orzamento e cousas que quedan peor”, sentencia.
O uso do Fondo de Continxencia para engordar o gasto militar non é casual, pormenoriza, posto que o sistema anterior, usado polo PP e que estaba fundamentado en demandar créditos extraordinarios, foi invalidado en 2016 polo Tribunal de Contas, que demandou levar a cabo orzamentos “realistas”.
O papel da comunicación política como o alicerce básico á hora de estruturar as contas é o que explica a baixada do sobrecusto entre 2022 e 2023. As contas deste último ano foron as primeiras despois da entrada de Rusia na guerra en Ucraína, cando os Estados Unidos forzaron os membros da OTAN, a maioría tamén na Unión Europea, a acelerar a alza do gasto militar que xa pactaran en 2014, así como a replicar a súa política de sancións contra Moscova, armar Kíiv e vetar calquera saída negociada á guerra.
A chegada de Trump está a diminuír as tensións bélicas azuadas antes pola OTAN, mais a súa exixencia está a ser escoitada doutra forma tras ameazar con que non defendería un membro da alianza que non cumpra coas súas achegas financeiras. Para xustificar o auxe, Bruxelas insiste en que, a pesar das treguas pactadas con Rusia e Ucraína polos Estados Unidos e da desescalada entre Moscova e Washington, a ameaza dun suposto ataque ruso aos membros é moi real.
O Executivo busca engordar o gasto no ámbito castrense
Enmarcado no clima bélico, en 2023 os membros da OTAN como o Estado español optaron por tratar de amosar como se elevaba este gasto e “aumentar a achega ao PIB”, apunta o Centro Delàs, polo que o Executivo español informou por primeira vez á alianza militar controlada polos Estados Unidos de varios gastos que non forman parte das contas de Defensa, como a seguridade social e pensións dos militares ou as achegas a organismos castrenses como a propia OTAN.
Xunto a isto, completando o conxunto no que estriba a diferenza entre o gasto anunciado e o real, a entidade inclúe o endebedamento para gasto militar, os créditos en I+D para a industria armamentística, os custos dunha forza militar como a Garda Civil ou os créditos extraordinarios no ámbito.
Neste contexto, a contorna mediática do PSOE gabábase a cuarta feira de que, cando a OTAN publique os datos definitivos de 2024, o Estado español xa non será o último da listaxe de gasto militar por PIB da alianza militarista, mais matizando que aínda ficaría lonxe de 2% do PIB e reiterando que o crecemento estatal en termos macroeconómicos dificulta cumprir co obxectivo.
Reorganización das contas sen pasar polo Congreso
Asemade, co fin de pór de relevo un gasto que antes pretendía minimizar, o Goberno español trasladou a medios estatais que avalía reorganizar as contas para entregar entre 3.500 e 5.000 millóns de euros máis a gasto militar, aproveitando unha disposición incluída nos orzamentos durante a pandemia de Covid-19, que permite a Facenda efectuar estas operacións sen pasar polo Congreso mentres non supere o teito de gasto.