A Generalitat exixe a gratuidade de Rodalies mentres continúen as incidencias no servizo
O Goberno catalán reclamou a Renfe que o servizo de Rodalies sexa gratuíto até que se resolvan as incidencias que seguen a afectar a mobilidade ferroviaria, con tramos interrompidos e circulacións parciais en boa parte da rede.
A Generalitat de Catalunya exixiu este sábado a Renfe que faga gratuíto o servizo de Rodalies e trens rexionais mentres non se normalice completamente a circulación ferroviaria, afectada pola situación meteorolóxica. A petición foi trasladada nas reunións mantidas no Departament de Territori.
Desde Renfe evitaron pronunciarse directamente sobre a demanda da Generalitat. O seu portavoz, Antonio Carmona, limitouse a sinalar que será o Goberno catalán quen "teña que dicir o que haxa que dicir e anunciar o que haxa que anunciar", sen confirmar se a operadora asumirá a gratuidade reclamada.
Na práctica, o servizo ferroviario continúa a funcionar só de maneira parcial, con numerosos tramos cortados e frecuencias moi reducidas. Para paliar a situación, Renfe mantén activados servizos alternativos por estrada para as persoas usuarias afectadas polos cortes, aínda que estes non están a evitar escenas de confusión e atrasos xeneralizados.
Tras dous días de paralización case total, Catalunya recuperou este sábado só unha parte do servizo ferroviario. O desconcerto incrementouse porque, de madrugada, a Generalitat comunicara que non circularían trens despois dunha longa reunión con Adif e Renfe. Porén, a primeira hora da mañá, a operadora anunciou finalmente que si habería circulacións, aínda que con fortes limitacións e interrupcións en distintos puntos da rede.

