O funeral do papa Francisco terá lugar o sábado 26 de abril na praza de San Pedro

O corpo de Francisco será trasladado á basílica de San Pedro esta cuarta feira, onde será homenaxeado polos fieis.
O cardeal Kevin Farrell durante o rito da constatación da morte do papa Francisco na capela de Santa Marta. (Foto: Vatican Media/IPA vía ZUMA Press/dpa)
O cardeal Kevin Farrell durante o rito da constatación da morte do papa Francisco na capela de Santa Marta. (Foto: Vatican Media/IPA vía ZUMA Press/dpa)

O papa Francisco, falecido este 21 de abril aos 88 anos, será trasladado esta cuarta feira ás 9 horas, desde a capela da residencia de Santa Marta á Basílica Papal de San Pedro, segundo o previsto polo Ordo Exsequiarum Romani Pontificis. A misa de funeral terá lugar o vindeiro sábado 26 de abril ás 10 horas e será presidida polo cardeal Giovanni Battista Re.

Así o confirmou este terza a Santa Sé, que indicou que o traslado do Pontífice comezará despois do momento de oración, presidido polo camarlengo da Santa Igrexa Romana, actualmente o cardeal Kevin Joseph Farrell.

A procesión pasará pola Praza de Santa Marta e a Praza de San Pedro, no Vaticano. Desde o Arco das Campás sairá á Praza de San Pedro e entrará na Basílica Vaticana pola porta central. No altar da Confesión, o cardeal camarlengo presidirá a Liturxia da Palabra, ao final da cal comezarán as visitas ao corpo do Pontífice.

Os patriarcas e cardeais, vestidos cos seus respectivos hábitos corais, reuniranse na Capela da residencia de Santa Marta, ás 8.45 horas, segundo detallou a Santa Sé. Os arcebispos e bispos, os cóengos do capítulo vaticano, as penitenciarías menores ordinarias vaticanas e, segundo o Motu Proprio Pontificalis Domus, todos os membros do Coro Pontificio, vestidos co hábito coral propio, reuniranse na praza de Santa Marta, ás 8.30 horas.

Un enterro sinxelo 

O Pontífice deixou por escrito o seu desexo de ser inhumado nun lugar distinto da basílica vaticana de San Pedro, en concreto na basílica de Santa María a Maior de Roma. Antes de morrer expresou no seu testamento o seu desexo de ser enterrado no nicho da nave lateral entre a Capela Paulina e a Capela Sforza da basílica de Santa María a Maior. No mesmo texto pide que o seu sepulcro estea "na terra", que sexa "sinxelo", sen decoración, e coa única inscrición "Franciscus".

"Sentindo que se achega o fin da miña vida terrea e con viva esperanza na Vida Eterna, desexo expresar a miña vontade só respecto ao lugar da miña sepultura", sinala o Papa no documento, difundido esta segunda feira pola Oficina de Prensa da Santa Sé, tras a morte de Francisco por mor dun ictus. Segundo expresa Bergoglio, sempre "confiou" a súa vida e o seu ministerio sacerdotal e episcopal "á Nai do noso Señor, María Santísima". Por iso, pide que os seus restos mortais "descansen en espera do día da resurrección na Basílica Papal de Santa María a Maior".

A partir desta cuarta, o corpo do Papa exporase directamente no féretro aberto para a veneración dos fieis, mais non nun catafalco –a armazón recuberta de vestiduras que se coloca na Igrexa para unhas exequias solemnes– como foi até o de agora e tampouco se colocará o báculo papal xunto ao féretro durante esta exposición.

Outra mudanza que fará o enterro de Francisco máis simple, conforme os seus desexos, terá lugar co traslado do féretro ao sepulcro e o enterro. Esta vez eliminarase a tradición de enterrar os Papas en tres cadaleitos: un de ciprés, un segundo de chumbo e un terceiro de carballo. Ademais, durante as cerimonias relixiosas usaranse títulos máis sinxelos, eliminando a alusión a 'Romano Pontífice'.

Comentarios