O Vaticano difunde as primeiras imaxes do papa Francisco no seu féretro
O Vaticano difundiu estea terza feira as primeiras imaxes do papa Francisco no féretro, na residencia de Santa Marta. As fotografías, captadas durante o acto de constatación da morte ás 20 horas desta segunda feira, 21 de abril, mostran o Pontífice vestido cunha túnica vermella, cunha mitra branca sobre a cabeza e un rosario negro entrelazado nas súas mans.
O Papa xace dentro dun féretro de madeira forrado en veludo vermello, disposto na capela privada da residencia rodeado dos colaboradores máis próximos e numerosos cardeais presentes en Roma.
Por outra parte, a Primeira Congregación de Cardeais reúnese esta terza en Roma para decidir unha posíbel data do funeral do Papa Francisco, segundo informou a Santa Sé a través do seu portal Vatican News. Segundo o Director da Oficina de Prensa do Vaticano, Matteo Bruni, tras a reunión dos cardeais informarase sobre o traslado do corpo do Santo Padre á Basílica Vaticana "para a homenaxe de todos os fieis e que podería ter lugar esta cuarta feira, 23 de abril de 2025, pola mañá".
A Primeira Congregación celébrase con todos os cardeais que chegaron a Roma, marcando o inicio do proceso de preparación para o próximo conclave, que culminará coa elección do novo papa e que previsibelmente podería iniciarse na primeira semana de maio, tras as exequias de Francisco.
Soterrado en Santa María a Maior
O papa Francisco deixou escrito antes de morrer un testamento no que expresa o seu desexo de ser enterrado no nicho da nave lateral entre a Capela Paulina e a Capela Sforza da Basílica Papal de Santa María a Maior, e pide que o seu sepulcro estea "na terra", que sexa "sinxelo", sen decoración, e coa única inscrición "Franciscus".
"Sentindo que se achega o fin da miña vida terrea e con viva esperanza na Vida Eterna, desexo expresar a miña vontade só respecto ao lugar da miña sepultura", sinala o Papa no documento, difundido esta segunda feira pola Oficina de Prensa da Santa Sé, tras a morte de Francisco por mor dun ictus. Segundo expresa Bergoglio, sempre "confiou" a súa vida e o seu ministerio sacerdotal e episcopal "á Nai do noso Señor, María Santísima". Por iso, pide que os seus restos mortais "descansen en espera do día da resurrección na Basílica Papal de Santa María a Maior".
