Un forte terremoto no Irán deixa 973 feridos e graves danos en vivendas e edificios

O interior dunha vivenda afectada polo sismo en Irán (Foto: @Marianna9110).
O sismo, de 5,9 de magnitude, provocou serios danos nalgúns edificios pertencentes a institucións públicas, así como en vivendas.

Un sismo de magnitude 5.9 sacudiu nas últimas horas deste sábado a cidade de Khoi, no noroeste do Irán.

Segunda as últimas informacións, o número de feridos do forte terremoto aumentou a 973, informou o gobernador da provincia de Acerbaixán Occidental. Para alén dos feridos, polo que se sabe até o de agora o balance de falecidos ascende a tres.

O sismo, de 5,9 de magnitude, provocou serios danos nalgúns edificios pertencentes a institucións públicas, así como en vivendas.

De acordo coas autoridades, máis de 261.000 persoas e case 78.000 familias resultaron afectadas polo terremoto.

Alerta vermella

Mentres, os gobernadores decretaron un estado de alerta vermella na provincia.

"Contempláronse espazos para o aloxamento de emerxencia dos damnificados polo terremoto. Ademais, debido ao amontoamento nos hospitais, existe a posibilidade de estabelecer un hospital de campaña", declarou Mohammad Hasan Nami, xefe da organización de xestión de crise do país.