A folga nos transportes frea trens, autobuses e avións en toda Alemaña

Aeroporto de Düsseldorf, a segunda feira. (Foto: Christoph Reichwein / DPA)
350.000 operarios públicos exixen mellores salarios durante a maior folga en décadas en territorio alemán, abrindo a porta a unha vaga de protestas se o Goberno non escoita as súas reivindicacións.

Despois de que os postos de traballo comezaran a baleirarse a partir da medianoite, cando a poboación alemá se ergueu a segunda feira non funcionaba nin a rede de autobuses, de trens, de autoestradas, os portos fluviais ou os aeroportos ao longo do país, “causando interrupcións a millóns de persoas ao comezo da semana laboral”, constatou Reuters.

A Asociación de aeroportos ADV sinalou que 380.000 viaxes de avión víronse afectadas despois dunha convocatoria de folga que atinxe a 350.000 traballadoras e traballadores públicos dos sindicatos Ver.di e EVG.

O operador ferroviario alemán, Deutsche Bahn, criticou a folga ao anunciar a suspensión das operacións, apuntando que “millóns de pasaxeiros que dependen de autobuses e trens están sufrindo esta folga excesiva e esaxerada”, e incidiu en que o transporte de mercadorías tamén se viu afectado, indicando que “os gañadores do día son as compañías petroleiras”.

Nese sentido, o presidente de Ver.di, Frank Werneke, respondeu que “un conflito social que non ten repercusións é un conflito social inofensivo”, mentres que o líder de EVG, Martin Burkert, advertiu que se a Administración non cede convocarán novas folgas, incluso durante o período de vacacións de Semana Santa. “As persoas precisan un segundo ou terceiro traballo para chegar á fin de mes”, denunciou, explicando que “os grandes sacan proveito e os pequenos, que manteñen todo funcionando, non conseguen nada”.

A folga produciuse no día de inicio da terceira rolda de negociacións para actualizar o convenio colectivo do sector público, nas que Ver.di representa 2,5 millóns de traballadores e EVG 230.000 e nas que demandan un aumento de 10,5% e 12% dos salarios respectivamente para compensar unha inflación que rolda 10%.

Así e todo, a empresa ofrece unha suba de menos da metade insistindo en que un aumento salarial aos traballadores do transporte desencadearía un aumento das tarifas e impostos para compensar a diferenza. En todo caso, unha enquisa difundida por DPA destaca que 55% dos alemáns e alemás apoia a folga, que consideran xustificada. Nos últimos meses, multiplicáronse as greves no país para reclamar melloras salariais na educación, a sanidade ou o correo.

Marcha pola reforma das pensións en Francia

Xa en Francia, as protestas contra a reforma das pensións fecharon a segunda feira o acceso ao Museo do Louvre, un día antes dunha nova xornada de mobilización xeral convocada polas forzas sindicais.