Felipe González, sobre a posibilidade de que a Lei de memoria inclúa os GAL: "Non me soa ben"

O ex presidente Felipe González, esta terza feira, en Santander. (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press)
EH Bildu pactou coas forzas do Goberno que se recoñezan as vítimas de violacións de Dereitos Humanos até 1983, polo que o terrorismo de Estado impulsado por González podería entrar na ecuación.

O ex presidente do Goberno estatal Felipe González manifestou esta terza feira que non lle "soa ben" o pacto do Executivo con EH Bildu polo que a nova Lei de memoria democrática recoñecerá as vítimas de violacións de Dereitos Humanos até 1983.

Isto incluiría a quen sufriron torturas ou foron obxecto da chamada 'guerra sucia' contra ETA durante os cinco anos posteriores á aprobación da Constitución española, polo que afectaría os Grupos Antiterroristas de Liberación (GAL) do Goberno de González, ao que chegou en outubro de 1982.

"Aínda non lin o texto, pero non me soa ben", dixo González

Preguntado por unha valoración deste punto da nova Lei de memoria, o ex dirixente socialista asegurou que aínda non puido ler o texto. "Cando o vexa direilles, pero soar, non me soa ben", dixo.

Fixo estas declaracións aos medios desde Santander, onde participa nun encontro da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) xunto a outros ex representantes políticos como José María Aznar, e aproveitou para valorar a situación económica actual no Estado español, se ben descartou falar de recesión polo de agora.

Primeiro trámite superado

A Comisión Constitucional do Congreso aprobou esta segunda feira o texto da nova Lei de memoria democrática. Trátase do paso previo á súa aprobación definitiva no pleno da Cámara baixa que decorrerá o vindeiro 14 de xullo.

As abstencións de ERC e JxCat permitiron ao Goberno de coalición sacar adiante un trámite que só contou cos votos en contra de Ciudadanos, PP e Vox, mais que recibiu críticas por parte dos partidos que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez, como PNV, Bildu ou BNG, por non incorporar todas as emendas presentadas por estas formacións políticas.

De ser aprobada, a Lei de memoria democrática substituirá a Lei de memoria histórica que entrou en vigor en 2007, a iniciativa do Executivo socialista de José Luis Rodríguez Zapatero; pero que non anulara algúns puntos da Lei de amnistía aprobada en 1977. Esta era unha das emendas presentadas polo Bloque.