Vídeo no interior

Feixoo, chamado á orde por intentar "rebentar" a comisión sobre a dina utilizando "a carta de ETA"

O líder do PP fai unha férrea defensa do ex president valenciano Carlos Mazón e asegura que foi "o único" que asumiu responsabilidades e que actuou "coa información que tiña".
O presidente do Partido Popular español, Alberto Núñez Feixoo, esta segunda feira, no Congreso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
O presidente do Partido Popular español, Alberto Núñez Feixoo, esta segunda feira, no Congreso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, tentou rebentar o interrogatorio sobre a dina do Congreso español cando interveu Oskar Matute, de EH Bildu. Feixoo utilizou durante toda a intervención a "carta de ETA" para evadir todas as cuestións, sinalou Matute. Vivíronse escenas de moita crispación e a presidenta, Carmen Martínez (PSPV), tivo que chamarlle a atención pola actitude que adoptou.

Matute empezou o interrogatorio lembrando unhas palabras que Feixoo pronunciou nun mitin político en xullo de 2023: “Se vos minto non só vos pido que me botedes do Goberno, se minto pídovos que me botedes do partido”, dixera o líder popular. Matute lembrou estas palabras en referencia ás mentiras de Feixoo sobre a dina, e iso xa o crispou dun principio. Como reacción, o dirixente do PP sacou a carta de ETA e preguntou a Matute se tiña información sobre os asasinatos pendentes nos xulgados.

“Non a teño, pero se a tivese, vostede debería vixiar un pouco máis a acción da xustiza, porque estaría a ser o suficientemente neglixente e torpe cando permite que alguén como eu careza de ningún tipo de antecedente penal, algo que no seu partido non é tan excepcional”, respondeulle Matute. Feixoo encarouse en todo momento co deputado de EH Bildu e díxolle que escoitalo falar de vítimas e delitos "é un insulto".

A presidenta da comisión, despois duns minutos de moita tensión, lembrou a Feixoo que debía responder exclusivamente as cuestións políticas sobre a dina. "Centrémonos na investigación e en dirimir as responsabilidades políticas", dixo a presidenta. Feixoo continuou coa estratexia de non responder a ningunha pregunta falando de ETA, mentres Matute seguiulle facendo preguntas.

Feixoo continuou tratando de boicotear a sesión. O deputado preguntoulle por que mantiveron a Mazón como membro do PP tras mentir sobre os falecidos. O dirixente do PP volveuse alterar e reprochoulle que falase de mortos: "Vostede estame preguntando sobre corpos sen vida, de delitos e de ilícitos. E eu míroo a vostede e digo, 'como é posíbel que me pregunte isto?'", dixo Feixoo. A presidenta a comisión tivo que deter o tempo e pór orde. "É evidente a estratexia", dixo.

A presidenta da comisión chamou a atención a Feixoo pola actitude durante o interrogatorio, e tamén tivo que apercibir unha membro da mesa da comisión, a vicepresidenta segunda, Belén Hoyo, do PP, que tamén se encarou coa presidenta. Carmen Martínez lembrou a Feixoo que ten dereito a non responder e que ela non ten "ningún afán de ser protagonista".

Férrea defensa de Mazón

Durante a súa intervención, o líder do PP defendeu tamén que o ex president valenciano Carlos Mazón foi o "único" que asumiu responsabilidades políticas tras as dina e recalcou que iso, "polo menos, reconcíliao en parte cos feitos". Feixoo afirmou que Mazón actuou "coa información que tiña" e que os "feitos" son que o presidente da Confederación Hidrográfica do Xúquer, que é "competencia exclusiva" do Estado, "non deu a información adecuada ao Cecopi".

O presidente do PP afirmou que "o que fallou é a información para tomar as decisións no momento oportuno". "Na miña opinión ningún dos responsábeis da administración estiveron á altura da circunstancia. Cada un coa súa gradualidade e cada un coa súa responsabilidade", apostilou.

Ao ser preguntado polo deputado de Junts Josep María Cervera sobre por que Mazón non dimitiu antes e tardou un ano en facelo, Feixoo indicou que Mazón se decatou de que "un pode opinar o que queira, pero cando a xente non che dá a razón, o máis honesto é marchar".

Ao seu entender, Mazón fixo o que "debería facer" unha vez que transcorre "un ano e pico" e ve a "tensión social" e a "sensación" na rúa é que ten que asumir responsabilidades. "Que sexa o único que as asumiu, creo que polo menos o reconcilia en parte cos feitos", subliñou, para engadir que o Executivo de Pedro Sánchez "non as asumiu", malia ser o Goberno de Mazón o competente daquela para adoptar medidas que protexesen a poboación valenciana ante a chegada da dina.

Comentarios