A extrema dereita busca repetir vitoria nas eleccións neerlandesas

Geert Wilders (no centro), líder do Partido da Liberdade dos Países Baixos, o 23 de novembro de 2023 celebrando a vitoria electoral nos comicios da véspera. (Foto: Remko De Waal / ANP / DPA)

As persoas migrantes e a vivenda centran a campaña.

Case dous anos despois os Países Baixos volven a cuarta feira ás urnas, e como en 2023 a extrema dereita do Partido pola Liberdade (PVV), encabezado por Geert Wilders, aspira a lograr unha vitoria que sería a segunda consecutiva.

Malia que ao longo das últimas semanas os traballos demoscópicos coincidían en outorgar ao PVV a primeira praza, incluso con opcións de superar 30% das papeletas, as sondaxes máis recentes reducen considerabelmente a súa vantaxe, e a de Ipsos I&O publicada a terza feira prognostica incluso un triplo empate a 23% coa coalición EsquerdaVerde-Partido Laborista (GL-PvdA) e a liberal Demócratas 66 (D66).

Wilders acabou coa coalición gobernamental, que incluía os conservadores Partido Popular para a Liberdade e a Democracia (VVD), Movemento Labrego-Cidadá (BBB) e Novo Contrato Social (NSC), hai catro meses, alegando a negativa do Executivo encabezado polo independente Dick Schoof a endurecer até o grao que exixía a lei migratoria.

Neste sentido, e no marco da inestabilidade dun Gabinete que durou pouco máis dun ano e que se conformou tras máis de 200 días de negociacións, varias forzas adiantaron un posíbel veto a PVV, o que dificultaría que volva formar parte do Executivo incluso no caso de que repita na primeira praza. 

Expansión do extremismo

En todo caso, as enquisas tamén prevén a suba doutras forzas ultradereitistas, como Resposta Correcta 2021 (JA21) ou o Foro para a Democracia (FvD), que se farían con arredor de 10% e de 6% dos votos respectivamente.

Estes grupos volveron colocar as persoas migrantes no centro da campaña electoral, responsabilizándoas dos problemas do Estado, ao que hai que engadir a crise da vivenda.