Dimite o ministro de Exteriores de Países Baixos tras frear o Goberno a adopción de sancións contra Israel e desata un torrente renuncias
A saída de até cinco ministros do Novo Contrato Social deixa o Goberno de coalición de Países Baixos reducido a dous partidos.
O ministro de Exteriores de Países Baixos, Caspar Veldkamp, anunciou esta sexta feira a súa dimisión do cargo tras constatar que as discrepancias dentro da coalición de Goberno para impoñer novas sancións contra Israel son xa insalvábeis, o que desencadeou, ademais, a saída do Executivo de todos os representantes do Novo Contrato Social (NSC).
Veldkamp prometera a quinta feira ante o Parlamento a adopción de castigos como represalia pola situación humanitaria na Faixa de Gaza, pero esta sexta puido confirmar nunha reunión que non todos os ministros están dispostos a iso.
Tras comprobar esta "resistencia", o ministro anunciou que presentará a renuncia. "Non confío en que as cousas cambien e a miña marxe de actuación é limitada", asegurou nunhas declaracións ante os medios recollidas pola televisión estatal NOS.
Catro dimisións máis
O movemento de Veldkamp non quedou aí e o líder do NSC e viceprimeiro ministro, Eddy Van Hijum, anunciou tamén que todos os membros do partido con representación na primeira ou na segunda liña do gabinete seguirían o mesmo camiño que o ministro de Exteriores, o que deixa vacantes as carteiras de Interior, Educación, Asuntos Sociais e Sanidade.
O Goberno neerlandés está en funcións desde xuño, despois de que a saída do ultradereitista Partido pola Liberdade (PVV) de Geert Wilders deixase sen maioría un bloque que quedara reducido até o de agora a tres partidos. Ademais do NSC, forman parte da coalición o Partido Popular pola Liberdade e a Democracia (VVD) e o Movemento Campesiño-Cidadán (BBB).
Sen acordo unánime
O primeiro ministro de Países Baixos, Dick Schoof, lamentou a renuncia en bloque dos ministros do partido Novo Contrato Social (NSC) por mor da falta de consenso sobre o endurecemento das sancións contra Israel pola súa ofensiva en Gaza.
"Debemos respectar estas decisións, pero lamentámolas profundamente. Sobre todo considerando a responsabilidade que ten o gabinete nesta fase interina", admitiu Schoof ante o Consello de Ministros tras coñecer a renuncia do ministro de Exteriores, Caspar Veldkamp, e o resto de titulares de Asuntos Sociais, Eddy van Hijum; Educación, Eppo Bruins; Interior, Judith Uitermark e Danielle Jansen (Sanidade).
Schoof lamentou "o enorme sufrimento [da poboación de Gaza] e todos desexamos que a situación humanitaria mellore. Con todo, esta observación non levou a unha conclusión conxunta entre as tres partes", xustificou á espera da celebración o próximo 29 de outubro das eleccións anticipadas no país para resolver a crise política

