O Executivo colombiano recoñece a incapacidade para deter a violencia

Cada cinco días asasinan un ex combatente das FARC, segundo o informe da Unidade de Investigación da Xurisdición Especial para a Paz presentado hoxe.
A pasada terza feira fixéronse catro anos da sinatura do acordo de paz entre Goberno e as FARC (FARC)
photo_camera A pasada terza feira fixéronse catro anos da sinatura do acordo de paz entre Goberno e as FARC (Foto: FARC)

A crise de violencia que asola Colombia protagonizou hoxe a sesión de control no Senado da Xurisdición Especial para a Paz (JEP, nas siglas en español). O fiscal xeral do Estado, Francisco Barbosa, tres ministros e outros altos cargos do Goberno compareceron ante a comisión co fin de explicar as medidas adoptadas para evitar o asasinato de ex combatentes das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) desmobilizados, segundo informou o xornal El Tiempo.

O director da Unidade de Investigación da JEP, Giovanni Álvarez Santoyo, presentou o informe Silenciando a Verdade, que recolle que desde a firma do acordo de paz en 2016 até o 15 de novembro deste ano, foron asasinados 249 ex guerrilleiros, é dicir, un cada cinco días.

"Non podemos negar a débil presenza e capacidade do Estado en resolver estes desafortunados asasinatos e estas desafortunadas ameazas e riscos que corren a vida dos defensores de dereitos humanos, líderes, lideresas sociais, así como os reincorporados", manifestou a ministra do Interior, Alicia Arango, segundo recolleu TeleSur.

Arango, con todo, sinalou que están a facer "un esforzo grande por evitar estes asasinatos", traballando "directamente coas  comunidades".

77 masacres en 2020

Pola súa banda, o ministro de Defensa, Carlos Holmes Trujillo, culpou o narcotráfico do incremento dos masacres ─77 só en 2020─ e ameazas en contra dos líderes sociais e ex combatentes en varias rexións do país.

A senadora polo partido Forza  Alternativa Revolucionaria do Común (FARC) Victoria Sandino criticou que os ex guerrilleiros son estigmatizados polo Goberno, e denunciou a violencia que se exerce contra as mulleres. "O que non lograron durante 53 anos coas armas, hoxe pretenden facelo a través do exterminio".

A pasada terza feira fixéronse catro anos da sinatura do acordo de paz entre Goberno e as FARC.

Comentarios