Evo Morales, recibido por unha multitude ao termo da súa xira de regreso a Bolivia

Ana Miranda, na toma de posesión de Luis Arce o pasado domingo (Nós Diario)
A representante do BNG para a Unión Europea, Ana Miranda, estivo presente na toma de posesión de Luis Arce, convidada polo MAS.

Unha multitude chegada de distintos puntos do país concentrouse esta cuarta feira en Chimoré para recibir o ex presidente de Bolivia Evo Morales nesta localidade da rexión de Cochabamba, onde o tamén antigo líder sindical iniciou a súa actividade política. Chimoré e o último lugar que viu Morales, xusto onte hai una ano, cando un avión da forza aérea mexicana o trasladou fóra do territorio boliviano, pouco despois de que os militares forzasen a súa dimisión no medio das violentas protestas polas acusación de roubo das eleccións presidenciais.

Na repetición deses comicios, o pasado 18 de outubro, Luis Arce, candidato do Movemento ao Socialismo (MAS) de Morales, impúxose cunha ampla vantaxe. Na toma de posesión, o pasado domingo, houbo representación política galega. Foi da man de Ana Miranda, portavoz do BNG na Unión Europea e gran coñecedora dos asuntos internacionais, especialmente dos relativos a América Latina.

A formación nacionalista ─única presenza da Galiza en La Paz─ recibiu o convite para o acto como agradecemento ao apoio mostrado a Evo Morales durante os sucesos que provocaron o seu exilio en México, primeiro, e na Arxentina, despois; e tamén pola "firme condena ao golpe de Estado", di a Nós Diario Miranda, que cualifica a boliviana de "nación irmá" e o Goberno do MAS ─"socialista, que representa os pobos orixinarios, soberanista en cuestións sociais e económicas, e antiimperialista"─ como un referente.

"Era importante estar alí pola defensa que Bolivia fai dos dereitos dos pobos, cunha Constitución que recolle a plurinacionalidade do Estado, con máis de 40 nacións, que recoñece todas as linguas e o dereito deste pobos a gobernaren os seus recursos", afirma a representante do BNG, en relación á relevancia da presenza galega no acto. "E tamén porque cumpría mostrar o noso apoio ao antifascismo", engade.

"Tensión nas rúas"

Segundo relata, nos días previos e na propia xornada da toma de posesión, "había moita tensión nas rúas" ante a posibilidade de que os simpatizantes dos partidos da oposición opostos ao Goberno de Arce provocasen altercados. Con todo, arredor de 5.000 organizacións da sociedade civil chegadas de toda a xeografía boliviana atenderon a chamada do MAS e acudiron a La Paz como medida disuasoria e para defender o proceso. De feito, acabaron desfilando no acto, diante do novo presidente.

Cumprido o trámite institucional, agora toca mirar cara ao futuro tras un ano de turbulencias e nove meses dun Goberno interino que, sinala Ana Miranda, "deixou en banca rota varios sectores e privatizou empresas, ademais de anular a praza de moitísimos funcionarios" designados durante os mandatos de Evo Morales. É dicir, ficaron sen traballo. 

E, sobre todo, "houbo moito exilio e moita represión", apunta. "As persoas que non marcharon pasárono moi mal e choran cada vez que lembran estes meses", relata. Mais Miranda quédase cun sentimento de Bolivia: "o orgullo que mostran como pobo tras superar un golpe de Estado".