Evo Morales sostén que o litio foi a principal causa do golpe en Bolivia

O ex presidente continúa coa súa xira de regreso, que rematará en Chimoré, localidade da que partiu hai un ano do seu país con destino a México.
evo_morales-uyuni
photo_camera Evo Morales compareceu ante os medios nun hotel fronte ao deserto de sal de Uyuni (Nós Diario)

O ex presidente de Bolivia Evo Morales asegurou que os grandes xacementos de litio que ten o seu país foron o motivo das manobras políticas e militares para desbancalo do poder  e obrigalo a exiliarse despois das eleccións presidenciais de 2019.

Un día despois de regresar a territorio boliviano logo dun ano acollido entre México e a Arxentina, durante a vixencia do Goberno interino da autoproclamada presidenta, Jeanine Áñez, Morales ofreceu unha conferencia de prensa exclusivamente para falar sobre o proxecto que tiña o seu Goberno para industrializar o litio.

Nesta comparecencia, onde non aceptou falar sobre ningún outro tema que non fose o litio, o ex mandatario sostivo que este proxecto ficou paralizado durante o Goberno de Áñez mais asegurou que se retomará agora que o seu ex ministro de Economía Luis Arce é o novo presidente para os próximos cinco anos.

Un informe da empresa estadounidense SRK confirmou hai un ano a existencia dunha reserva de 21 millóns de toneladas de litio en Bolivia, no deserto de sal de Uyuni, convertendo o país no maior posuidor deste mineral no mundo, segundo recolleu ABI, a axencia de noticias estatal.

Chegada a Cochabamba

Precisamente a conferencia se desenvolveu nun dos hoteis situados fronte a este famoso deserto de sal. Foi durante a segunda das tres etapas da súa xira de retorno, coa que está percorrendo gran parte do territorio boliviano.

Polo camiño estase encontrando con comunidades enteiras de labregos indíxenas que o reciben con expectación, mais tamén con manifestacións e bloqueos na ruta de opositores.

A derradeira etapa, prevista para mañá, será a máis emotiva, cando chegue á localidade da que partiu hai xusto un ano nun avión militar mexicano, Chimoré, na rexión de Cochabamba.

Comentarios