Evo Morales fica fóra das eleccións presidenciais de agosto en Bolivia

O ex presidente de Bolivia Evo Morales o 16 de maio de 2025. (Foto: Nós Diario)
O ex presidente rexistrouse cun partido sen personalidade xurídica.

Na madrugada da terza feira rematou en Bolivia o período de inscrición para as eleccións xerais do 17 de agosto, nas que se integra a primeira volta dos comicios presidenciais. Unha vez esgotado o prazo, o Tribunal Supremo Electoral (TSE) confirmou que o ex presidente progresista Evo Morales non estará nas papeletas.

Malia que se prevía que non participara ao estar inhabilitado polo Tribunal Constitucional Plurinacional por ter cumprido con máis de dous períodos na Presidencia, nunha cuestionada interpretación da Carta Magna, Morales insistira en que rexistraría a súa candidatura. 

Tras saír en febreiro do Movemento ao Socialismo (MAS) do presidente Luis Arce, chegou a un acordo coa Fronte para a Vitoria para presentarse coas súas siglas, mais en abril o partido rompeu con el.

Finalmente, os seus seguidores rexistrárono perante o organismo electoral como candidato do Partido de Acción Nacional Boliviano, mais foi rexeitado posto que a formación perdeu a súa personalidade xurídica a comezos deste mes ao non superar 3% das papeletas nas votacións de 2020, e o TSE indicou que Evo Pobo, a formación que impulsa o mandatario, aínda non ten “personalidade xurídica vixente”, ao que contestou Morales que cumpriron “os requisitos”.

Con posterioridade, convocou a poboación a un “Grande Reencontro Nacional” para enfrontar “os verdadeiros inimigos do país, a crise económica e o abuso de poder”, logo de rexeitar unirse ao chamamento de Arce, co que está enfrontado hai anos, para dar un paso atrás e lanzar unha candidatura única progresista contra a “dereita fascistoide”, que transmitiu ao anunciar que renunciaba á candidatura do MAS.

Finalmente, o MAS escolleu como candidato Eduardo del Castillo, o ministro de Interior, que reiterou que “o pobo boliviano está pedindo orde”. 

Entre as candidaturas progresistas, a que ten máis opcións de alcanzar segundo as sondaxes, que encabeza, a Presidencia é a de Andrónico Rodríguez, presidente do Senado e ex militante do MAS moi próximo a Morales até hai uns meses.

Rodríguez inscribiuse apoiado por Alianza Popular, conformada por Partido Socialista Revolucionario, Movemento Autonomista polo Traballo e a Estabilidade e Movemento Terceiro Sistema. Porén, dous tribunais ordenaron a suspensión do rexistro de candidaturas desta última formación, atendendo a unha denuncia por expulsión arbitraria do grupo e a outra por non ter renovado a súa dirección como fixa a lexislación, polo que a aceptación da candidatura é condicional até que a Xustiza tome unha decisión final, informou o TSE.