Euskal Herria, ás portas da folga xeral

Precariedade nos postos de traballo, sinistralidade, fenda salarial,  temporalidade... son os principais escollos contra os que se ergue a folga xeral que a Carta de Dereitos Sociais de Euskal Herria convoca para o 30 de xaneiro. Mais o protesto vai alén das demandas netamente laborais, e aglutina moi diversas reivindicacións de carácter social. Nós Diario conversa sobre o contexto actual e os preparativos da xornada de greve cos responsábeis dos sindicatos vascos Mitxel Lakuntza (ELA) e Igor Arroyo (LAB) e cunha das voceira da Carta, Ana Pérez, portavoz tamén do sindicato Steilas.   
 
Mobilización en Euskal Herria de cara á folga xeral do 30 de xaneiro (Imaxe Carta de Dereitos)
photo_camera Mobilización en Euskal Herria de cara á folga xeral do 30 de xaneiro (Imaxe Carta de Dereitos)

A parar de traballar están chamadas todas as traballadoras e traballadores no País Vasco e Nafarroa o vindeiro 30 de xaneiro con motivo da folga xeral que convoca a Carta de Dereitos Sociais de Euskal Herria.

Este protesto nace do chamamento realizado polo movemento de pensionistas que, após dous anos de continuas mobilizacións en Euskal Herria, puxo enriba da mesa a idoneidade de sumar máis colectivos á reivindicación social e de ampliar a loita xunto a outros movementos sectoriais. 

Así, o colectivo de xubiladas, o movemento feminista, o ambientalista, o xuvenil e estudantil e outras plataformas que loitan contra a exclusión social conformaron a Carta de Dereitos, na que tamén participan as centrais sindicais vascas ELA, LAB, ESK, Steilas, a labrega EHNE e o sindicato de transportistas HIRU. 

"Sempre dicimos nas nosas mobilizacións que outro modelo é posíbel", sinala a Nós Diario Ana Pérez, portavoz do sindicato vasco de ensino Steilas e unha das voceiras da Carta Social de Dereitos. "Mais xa era hora de que debulláramos o modelo social que queremos construír en Euskal Herria", resalta Pérez como reflexión sob a que se uniron distintos axentes sociais  que deu como resultado un articulado onde se definiron os dereitos que o pobo vasco precisa. O título do texto deu nome tamén á plataforma que agora convoca a folga: a Carta de Dereitos Sociais de Euskal Herria.

Entre as demandas principais figura o estabelecemento da xornada laboral en 35 horas semanais

Os preparativos para o éxito da xornada artéllanse principalmente en dúas frontes, sinala a Nós Diario Igor Arroyo, secretario xeral adxunto do sindicato soberanista Langile Abertzaleen Batzordeak (LAB). A primeira das frontes está nos centros de traballo, con máis de 1.200 comités de empresa implicados nos preparativos da folga e con 172 comités de folga conformados por sindicalistas e membros doutros movementos sociais en todas as cidades e na maioría das vilas. Para traballar a segunda fronte, Igor sinala que se repensou o propio sindicalismo para facer del un instrumento útil para traballadoras do fogar e as 'uberizadas' (as falsas autónomas). "Aí tamén estamos realizando actividades previas para implicar estas persoas na folga". 

As reivindicacións

Entre as demandas principais figura o estabelecemento da xornada laboral en 35 horas semanais, a defensa do sistema público de pensións e elevar a prestación mínima a 1.080 euros e o salario mínimo interprofesional (SMI) a 1.200. Precisamente desde as entidades convocantes consideran que a suba do SMI anunciada esta semana polo Goberno español a 950 euros é "totalmente insuficiente para poder ter unha vida digna", tal e como asegura Arroyo. 

O responsábel de LAB apuntou como demanda principal a fin das desigualdades entre homes e mulleres co combate ás fendas nos salarios, nas pensións e na duración das xornadas laborais. Vivenda digna, cobertura sanitaria e de todas as situacións de dependencia e a defensa dos servizos públicos están no cerne das demandas. 

A derrogación das últimas reformas laborais do PSOE e do Partido Popular tamén é unhas das exixencias da Carta de Dereitos Sociais de Euskal Herria, tal e como resalta Mitxel Lakuntza, secretario xeral do sindicato Eusko Langileen Alkartasuna (ELA) en resposta ás declaracións do Goberno español que, após levaren no seu programa a promesa de tombar as reformas, agora aseguran que non se poden derrogar. "Ao igual que é posíbel aprobar unha reforma laboral tamén é posíbel derrogala", sinala Lakuntza. O líder de ELA asegura non entender "o argumento ridículo de quen di que non se poden derrogar".

Por un marco vasco de relacións laborais

"Interpelamos o Goberno de Madrid, non porque confiemos en que vaian facer unha reforma profunda de modelo económico e social, senón porque exiximos ter a capacidade de decidir sobre as políticas laborais e sociais en Euskal Herria e poder aplicar as medidas que defendemos", sinala Arroyo. 

"Demandamos que as decisións que se tomen aquí estean ademais blindadas fronte á continua actuación do Tribunal Constitucional", sinala Arroyo

Por este motivo coa folga do 30 de xaneiro búscase conseguir a posibilidade de configurar un marco propio de relacións laborais e que os convenios nesa nación prevalezan sobre os estatais. 

"Demandamos que as decisións que se tomen aquí estean ademais blindadas fronte á continua actuación do Tribunal Constitucional que tomba moitas decisión sociais que se toman no noso territorio", apostila o sindicalista de LAB. Desde a central ELA, Mitxel Lakutza tamén recorda que a capacidade de negociación sobre os convenios nas propias nacións é unha loita necesaria que tamén se reclama na Galiza e que beneficiaría a súa clase traballadora.  
 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios