venres 18/09/20

Salario mínimo: unha mellora insuficiente

Na busca dun mercado laboral estábel, igual e máis abundante, a suba do salario mínimo a 950 euros é un paso necesario para os axentes sociais. Mais aínda escaso a teor das exixencias da Carta Social Europea.
Traballadoras das conserveiras, pequenas e medianas empresas de transformación de produtos do mar (Xunta).
Traballadoras das conserveiras, pequenas e medianas empresas de transformación de produtos do mar (Xunta).

O consenso acadado para situar o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) nos 950 euros é, en palabras da ministra de traballo, Yolanda Díaz, "o primeiro grande acordo social da lexislatura". Trátase da segunda suba consecutiva en pouco máis dun ano, que non convence a todos por igual. 

Para Xosé Carlos Arias, catedrático de Política Económica da Universidade de Vigo, a decisión "encaixa" nun escenario de "prioridade das políticas sociais e de recuperación dun impacto negativo continuado desde o ano 2010". Unha tendencia que tamén se percibe no resto de Europa, asegura, en perspectiva dun novo estancamento económico.

"O maior beneficio do aumento do salario mínimo é o efecto directo sobre a capacidade de consumo e a mellora da renda dos sectores máis débiles"

En conversa con Nós Diario, Arias mantén que a suba do SMI de 900 a 950 euros marca unha "liña correcta" tanto desde o punto de vista social e de necesidade das persoas como da propia urxencia económica do momento

Favorecer "que a xente teña máis cartos é un mecanismo ortodoxo agora mesmo. Está xustificado e é un éxito para o conxunto da sociedade", pola súa repercusión e porque é froito do "consenso", recalca, "unha novidade que sería bo estender a outros asuntos".

Xosé Carlos Arias está convencido de que o maior beneficio do aumento do salario mínimo é o "efecto directo sobre a capacidade de consumo e a mellora da renda dos sectores máis débiles". Ten máis dúbidas sobre o impacto real e negativo que poida ter na creación de emprego, como prognostican algúns sectores. "Hai un ano tivemos acceso a cálculos pesimistas que ao final revisaron" porque o freo que predicían no foi tal. En calquera caso, engade, "se tivera algún efecto sobre a creación de emprego, o custo sería menor que o beneficio que representa a mellora da renda das persoas".

O comercio láiase da suba

O sector do comercio é un dos agoireiros. Anticipa a fin da creación de emprego e mesmo predí a perda dalgún posto de traballo. Desde a Federación Galega de Comercio, José María Seixas, presidente, sinala que os 950 euros que o Goberno do estado pactou coa patronal e cos secretarios xerais de UXT e CCOO "son poucos para os traballadores e moitos para os comerciantes. Con esta suba van ter máis difícil crear emprego e moitos, mesmo se verán obrigados a eliminar persoal.

"Moitos negocios non poderán abrir, porque despois de dúas subidas en pouco tempo, moitos comercios xa non poden asumir os custos dun salario mínimo de 950 euros"

De se consumar o aumento salarial progresivo comprometido polo Executivo, até chegar aos 1.200 euros ao final da lexislatura, Seixas augura que moitos negocios "non poderán abrir", porque despois de "dúas subidas en pouco tempo, moitos comercios xa non poden asumir os custos dun salario mínimo de 950 euros, que suporá 23% de impostos".

Desde o ámbito sindical, os representantes galegos de UXT e CCOO defenden o valor dun acordo "positivo" para as persoas para a economía, para o Estado de benestar e a revitalización do sistema de pensións.

José Luís Fernández Celis, secretario de organización de UXT Galiza renega dos "efectos catastróficos". Mantén que "hai evidencias de que a suba de 2018 xerou máis emprego, máis altas na Seguridade Social e a alza das cotizacións". Agora, di, "hai marxe para mellorar e avanzar na negociación colectiva e promover os cambios necesarios contra a precariedade e a temporalidade".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

comentarios