Os EUA, unha nación "en declive"

A poboación da UE sitúa a China como primeira potencia mundial na próxima década. A opinión das elites e da cidadanía europea diverxe en relación á China. Mentres os Gobernos da UE veñen de manifestar o seu apoio á estratexia de "guerra fría" do presidente estadounidense, Joe Biden, as sociedades apostan pola neutralidade e dan por feito a hexemonía chinesa nunha década.
O presidente español, Pedro Sánchez, co seu homólogo estadounidense, Joe Biden. (Foto: Europa Press) #otan #nato #china #europa #biden #pedrosánchez #eua
photo_camera O presidente español, Pedro Sánchez, co seu homólogo estadounidense, Joe Biden. (Foto: Europa Press)

Primeiro na reunión do G-7, despois no cumio da OTAN e, por último, na reunión bilateral coa Unión Europea (UE), o presidente dos EUA, Joe Biden, insistiu na necesidade de acordar unha política conxunta contra a China, a quen considera "a única potencia que de maneira sostida pode desafiar a orde internacional". Neste sentido, a semana antes dos encontros, un dos asesores de referencia en materia internacional da Administración estadounidense, Daniel Hamilton, afirmou que "esta é unha dimensión da seguridade na que a OTAN non fixo tanto como podería até o de agora e creo que o presidente lles vai pedir que fagan máis".

As mensaxes de Biden e do secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, no encontro da organización do 14 de xuño en Bruxelas foron claras. Así, Stoltenberg afirmou que "estamos preocupados, pois as políticas chinesas coercitivas contrastan cos valores  fundamentais do tratado de Washington. A China está a expandir rapidamente o seu arsenal, con máis cabezas nucleares". Nesa dirección, a declaración final do cumio considerou que "as ambicións declaradas e o comportamento asertivo da China presentan desafíos sistémicos para a orde internacional baseada en regras e para as áreas relevantes da seguridade da Alianza".

A opinión dos parceiros da OTAN contrasta coa posición da poboación da Unión Europea. A este respecto, unha enquisa elaborada a comezo de 2021 polo Center for Liberal Strategies de Sofía para o Consello Europeo concluíu que a cidadanía de 11 Estados comunitarios obxecto do estudo defenderon maioritariamente que "o seu Goberno debería manterse neutral en calquera conflito entre os Estados Unidos e a China, mentres que non máis de 40% en ningún dos Estados afirmou que apoiaría Washington contra Rusia". A sondaxe realizada entre a poboación de Dinamarca, Francia, Alemaña, Bélxica, Hungría, Italia, Holanda, Polonia, Estado español, Portugal e Suecia salientou que "só 10% dos enquisados ven os Estados Unidos un socio fiábel".

Sistema político "desfeito"

A maioría dos enquisados amosáronse convencidos de que os Estados Unidos "están en declive" e o sistema político "desfeito". Neste sentido, o coordinador do estudo, Mark Leonard, aseverou que "os europeos gostan de Biden, pero non pensan que os Estados Unidos volvan como líder mundial" e indicou que "a maioría dos europeos son agora escépticos sobre a capacidade dos EUA de liderar o mundo". Na mesma liña, o 60% dos enquisados cren que "o sistema político estadounidense está desfeito", algo que avaliaron "positivamente" e como unha oportunidade para os seus Estados.

A sondaxe realizada a 15.000 persoas de 11 Estados confirmou que máis de 65% do total dos entrevistados consideraron que "A China será a primeira potencia mundial na vindeira década". Así, por exemplo, o 79% dos enquisados no Estado español, o 72% en Portugal, o 72% en Italia e o 63% en Francia expresaron a súa certeza de que "A China superaría os EUA como a primeira superpotencia mundial na próxima década". A nova percepción sobre o papel futuro dos EUA levou tamén unha parte maioritaria da poboación a defender que a UE non delegue a súa defensa á OTAN, con porcentaxes do 72% en Portugal, do 71% en Suecia, do 70% en Francia e do 69% en Polonia.

A nova Administración estadounidense prepara unha ofensiva para garantir a súa hexemonía durante as próximas décadas e nesa táctica resulta fundamental unha posición activa dos Gobernos europeos. A diferenza do Executivo de Trump, o Gabinete de Biden entende que confrontar con posibilidades á China require dunha acción concertada cos seus parceiros internacionais, coa OTAN como punta de lanza desa política. Neste contexto, o cumio da alianza militar que decorrerá en Madrid no vindeiro ano está chamado a xogar un papel chave e del agarda o Gabinete de Biden propostas concretas para confrontar o xigante asiático. 

As liñas da UE e da OTAN para este novo tempo foron xa adiantadas polo primeiro ministro italiano, Mario Draghi. O antigo directivo de Golmand Sachs e presidente durante practicamente unha década do Banco Central Europeo non dubidou en apostar a pasada semana por "unha Unión Europea máis forte para unha OTAN máis forte", sinalando que "a autonomía estratéxica europea é xustamente isto".

A natureza da Unión Europea

A natureza da UE é obxecto dun intenso debate político e doutrinal desde hai décadas. Para uns, o contrapeso ao poder estadounidense, con vontade de exercer de bloque rexional alternativo. Para outros, o capítulo europeo do proxecto dos Estados Unidos, subalternos aos designios de Washington. As palabras de Draghi son reveladoras.

Comentarios