Estados Unidos e Israel atacan o maior xacemento de gas do mundo e dispárase o prezo do petróleo
Israel atacou esta cuarta feira varias seccións da parte iraniana do xacemento de gas South Pars, o máis grande do mundo tendo en conta que é anexo e compartido co North Field que controla Catar, nunha acción que provocou o feche de varios tramos de produción por parte do Irán.
Segundo as autoridades israelís, o ataque, cualificado como un paso "perigoso e irresponsábel" por Catar, foi coordinado e contou coa aprobación do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. Esta agresión supón unha importante escalada no conflito, e provocou que Irán advertise dunha "guerra económica total".
"Consideramos lexítimo atacar a infraestrutura de combustíbel, enerxía e gas do país de orixe e tomaremos represalias contundentes á primeira oportunidade", avisou o país persa, insistindo en que o ataque contra o xacemento compartido con Catar constitúe unha escalada e engadindo que "afectará os cálculos económicos da Casa Branca e o Pentágono". En consecuencia, o Exército iraniano emitiu unha "alerta urxente" á cidadanía de Arabia Saudita, os Emiratos Árabes Unidos e Catar para que se manteña afastada das instalacións petroleiras.
Unha escalada que, ademais, provocou que o prezo do petróleo Brent, de referencia en Europa, chegase a rozar os 110 dólares por barril cun incremento de case 6% tras a denuncia do Irán dos ataques contra o xacemento de gas, un recurso que esta cuarta feira tamén experimentou grandes flutuacións.
Ademais, o Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) comunicou esta cuarta feira que Irán informou dun ataque contra a central nuclear de Bushehr, na costa sur do país, e que está operada conxuntamente con Rusia, que tamén denunciou o ataque. Así, o director xeral do organismo atómico, Rafael Grossi, realizou un chamamento á "máxima moderación" para evitar o risco dun accidente nuclear durante este conflito.
Pola súa parte, o goteo de asasinatos de líderes iranianos, malia ser algo que acontece desde o comezo do conflito, tamén está a supor un factor de escalada. Neste sentido, o presidente do Irán, Masud Pezeshkian, confirmou esta cuarta feira o asasinato do ministro de Intelixencia, Esmail Jatib, tras un ataque do Exército de Israel contra Tehran, o que se suma á morte, entre outras, do secretario do Consello Supremo de Seguridade Nacional, Alí Lariyani, esta terza feira.
"Cada pinga de sangue ten o seu prezo, que os asasinos destes mártires pronto terán que pagar", expresou en resposta o novo líder supremo do Irán, Mojtabá Khameneí, que louvou a figura de Lariyani, quen pertencía ao sector reformista da Administración iraniana e liderou o diálogo con países europeos que levou ao pacto nuclear que Trump quebrou no seu primeiro mandato. Israel acabou así cunha das persoas con potencialidade para desescalar o conflito, demostrando a súa intención de non reducir a tensión.
Escalada horizontal
Nun contexto da asimetría absoluta de forzas entre Irán e quen o agrediu, os Estados Unidos e Israel, o país persa optou por unha estratexia defensiva de escalada horizontal no canto de vertical. Isto quere dicir que, no canto centrarse en dar golpes máis duros, Irán pon o foco en dar golpes en máis sitios, concentrando a acción ofensiva en obxectivos que danen os intereses económicos dos seus adversarios e dos aliados destes.
Alén dos ataques sobre Israel, que obrigan o Estado sionista a facer un importante gasto en interceptores e xeran danos cando non son bloqueados, esta estratexia tamén é seguida sobre infraestruturas económicas e bases militares nos países do golfo Pérsico, que albergan forzas inimigas. A maiores, Irán conta con grupos proxy no Iraq e no Líbanos, que tamén desgastan os adversarios. Todo isto combinado co feche parcial do estreito de Ormuz, que paraliza o comercio de combustíbel e provoca suba de prezos.
Escalada vertical
Mais isto non implica que Irán careza de elementos de escalada vertical cos que ben disuadir ou ben responder a aqueles actos por parte dos Estados Unidos e Israel, como é o caso do ataque sobre o xacemento de gas, que leven a guerra a novos niveis de tensión.
Un exemplo é o paso dado esta cuarta feira de considerar "lexítimo atacar a infraestrutura de combustíbel, enerxía e gas", o que supón unha cuestión de reciprocidade ante os actos dos inimigos. Con todo, o país persa ten máis alternativas. "A lei do ollo por ollo está en vigor e comezou un novo nivel de confrontación", advertía esta cuarta feira o presidente do Parlamento do Irán, Mohammad Bagher Ghalibaf.
Mentres os EUA e Israel, segundo manifestou o propio Trump, teñen poucos máis obxectivos que atacar no Irán, o país persa aínda garda algunha carta. Unha vez a parte agresora atacou o maior xacemento de gas esta cuarta feira, podería dar outro importante golpe se ataca a infraestrutura petroleira na illa de Kharg, onde están as maiores reservas petroleiras do Irán. Alén diso, outros elementos de escala vertical dos Estados Unidos e o seu aliado serían o envío de forzas terrestres ou un ataque nuclear.
Mais a parte iraniana, que o domingo anunciou o uso por primeira vez de mísiles balísticos, ten un proxy que aínda non entrou en acción, os hutís do Iemen, polo que unhas das súas cartas por xogar é o bloqueo do estreito de Bab el-Mandeb, que os aliados do Irán xa dixeron estar dispostos a forzar "no seu debido momento".
O ataque contra desalinizadoras, o equivalente nuclear do Irán
Se as armas nucleares constitúen o principal elemento de disuasión nuclear a día de hoxe, Irán conta co seu equivalente, salvando as obvias diferenzas. Tanto Israel como a maioría dos Estados aliados dos EUA no golfo Pérsico teñen unha gran debilidade, e esta é a auga. Kuwait, Emiratos Árabes Unidos, Arabia Saudita e Catar son os catro países co maior estrés hídrico do mundo. Isto significa que son os territorios nos que hai máis diferenza entre a auga doce que teñen dispoñíbel e a que consumen, un déficit que os obriga a empregar plantas desalinizadoras, un branco relativamente sinxelo para o país persa e cuxa destrución causaría consecuencias devastadoras. Neste sentido, Omán, Bahrain ou Israel tamén contan cun importante déficit de recursos hídricos.
Primeiro golpe dos EUA
Irán acusou os Estados Unidos o 7 de marzo de destruír unha planta desalinizadora na illa de Qeshm, deixando máis de 30 localidades sen auga. O día seguinte, Barhain denunciou que o país persa lanzou como represalia un dron contra unha planta desalinizadora no seu territorio, no que pareceu un aviso sobre as consecuencias para os seus inimigos do que podería implicar tomar este camiño. A escalada, no que concirne á desalinización, quedou aí, mais é un ámbito no que os EUA, Israel e os Estados do golfo teñen as de perder.