Irán asesta un grande ataque contra Israel tras o asasinato de Ali Larikhani

Forzas de seguridade e de rescate israelís traballando no lugar dun ataque iraniano en Tel Aviv o 15 de marzo. (Foto: Europa Press)
Irán lanzou un ataque con mísiles contra Tel Aviv. A ofensiva, reivindicada pola Garda Revolucionaria, prodúcese como resposta ao asasinato do alto cargo da defensa iraniana, Ali Larikhani.

A Garda Revolucionaria iraniana asegurou ter lanzado un ataque con mísiles contra Tel Aviv en resposta ao asasinato de Ali Larikhani, secretario do Consello Supremo de Seguridade Nacional do Irán, ex presidente do Parlamento e asesor do líder supremo. Así o fixo saber a través dun comunicado difundido por medios oficiais.

Na nota, o corpo militar afirmou que a ofensiva forma parte da “onda 61” da operación Promesa Cumprida 4 e que empregou mísiles de varios tipos, entre eles os Khorramshahr 4, Qadr, Emad e Kheibar Shekan. Irán vinculou así a operación á morte de Larijani e “os seus compañeiros”, sen ofrecer detalles sobre as circunstancias do falecemento.

A Garda Revolucionaria sostivo que os proxectís alcanzaron “máis de 100 obxectivos militares e de seguridade” e asegurou que os sistemas de defensa aérea israelís foron superados durante o ataque. Ademais, indicou que algunhas zonas de Tel Aviv sufriron cortes de electricidade e que a resposta dos servizos de emerxencia se viu dificultada.

Pola súa parte, o Exército de Israel detectou polo menos tres ondas de ataques procedentes do Irán, un deles con resultado de dúas vítimas mortais en Tel Aviv, segundo informou un dos servizos de emerxencias. Trátase dos primeiros falecidos por ataques iranianos desde o 9 de marzo e elevan a 14 o total de mortos en territorio israelí, segundo os últimos recontos.

Segundo a axencia Tasnim, medios israelís tamén informaron de que, tras dous ataques con foguetes desde Irán, unha estación de tren na área metropolitana de Tel Aviv foi destruída e incendiada.