Hizbulá responde con drones e mísiles tras unha nova agresión israelí no Líbano
A tensión entre Israel e o Líbano daba un novo salto nesta segunda feira tras o anuncio dunha invasión terrestre israelí no sur do país veciño. O ministro de guerra de Israel, Israel Katz, confirmara oficialmente o inicio da ofensiva a través dun comunicado difundido polos canais do seu departamento. “As Forzas militares de Israel iniciaron unha operación terrestre no Líbano para eliminar ameazas”, afirmara Katz.
A decisión chegaba despois de que, segundo unha información publicada o sábado polo portal Axios e baseada en fontes estadounidenses e israelís, Israel estivese a preparar unha “invasión masiva” da zona co obxectivo de acabar coa presenza de Hizbulá.
Contra esta situación, Hizbulá respondeu esta cuarta feira cunha serie de ataques contra obxectivos israelís, segundo informou a axencia Tasnim e recolleu a propia organización. Hizbulá asegurou ter lanzado mísiles e drones contra diversos puntos estratéxicos no norte de Israel no marco da operación denominada Khyber 1.
Entre os ataques reivindicados, Hizbulá afirmou ter alcanzado a cidade de Nahariya con drones, así como sistemas de defensa aérea en Ma'alot-Tarshiha. Tamén asegurou ter bombardeado con artillaría as localidades de Shumaira, Shtula e Zara’it. Ademais, a denominada Resistencia Islámica Libanesa indicou que foron obxecto de ataque o cuartel xeral da rexión norte do Exército israelí e a base de Ain Zeitim, ao norte de Safed, mediante o lanzamento de varios mísiles. Outras instalacións militares, como as bases de Amiad e Sansón, tamén foron sinaladas como obxectivos.
Hizbulá afirmou igualmente ter atacado a base naval de Haifa con “mísiles especiais”, así como o cuartel da unidade naval de elite Shayetet 13 na base de Atlit, que tería sido alcanzado con foguetes. Na faixa fronteiriza, a milicia libanesa asegurou nun segundo comunicado que atacou unha concentración de tropas israelís ao leste da zona de Khayyam, tamén dentro da mesma operación.