Os Estados Unidos recoñecen a súa estratexia de guerra híbrida para danar Irán: "As ratas están abandonando o barco"

O secretario do Tesouro dos Estados Unidos, Scott Bessent, recoñeceu no Senado a estratexia de guerra híbrida dos EUA contra Irán, tan só unhas horas antes de que a Administración liderada por Donald Trump pedise á cidadanía estadounidense que abandone o país persa "agora".
Scott Bessent durante unha intervención no Senado dos EUA. (Foto: Michael Brochstein / ZUMA Press Wi / DPA)
Scott Bessent durante a súa intervención no Senado dos EUA. (Foto: Michael Brochstein / ZUMA Press Wi / DPA)

A ameaza dunha intervención militar combínase con estratexias de guerra híbrida dos EUA contra Irán, segundo recoñeceu no Senado a propia Administración liderada por Donald Trump horas antes de pedir á cidadanía estadounidense que abandone o país persa "agora".

"O que podemos facer e o que fixemos é crear unha escaseza de dólares no país. Nun discurso pronunciado no Club Económico de Nova York en marzo, describín a estratexia. Esta culminou de forma rápida e, diría eu, grandiosa, en decembro, cando un dos bancos máis grandes de Irán quebrou", afirmou o secretario do Tesouro dos Estados Unidos, Scott Bessent, nunha sesión da Cámara.

"Houbo unha retirada masiva deste banco, polo que o banco central tivo que imprimir máis diñeiro e a moeda iraniana entrou en caída libre, a inflación explotou, e o que vimos foi a xente iraniana nas rúas", dixo.

"Imos continuar monitorizando todos os socios iranianos, a boa nova é que vimos o liderado iraniano sacando diñeiro do país dunha forma tola, polo que as ratas están abandonando o barco, o que é unha boa sinal de que saben que o final está probabelmente perto", concluíu.

Así o dixo Bessent horas antes de que as autoridades dos EUA pedisen á cidadanía estadounidense residente en Irán que saia do país "agora" ou que, no seu defecto, busque refuxio. O Goberno norteamericano sinala que esta alerta ten base na posibilidade de que o Executivo persa aumente as medidas de seguridade, mais ao tempo acrecenta (sen dicilo) as conxecturas sobre un posíbel ataque.

Negociacións

Con todo, os EUA e Irán mantiveron esta sexta feira negociacións indirectas sobre o programa nuclear iraniano en Omán, onde alcanzaron un principio de acordo para manter máis conversas. "Decidiuse que estas seguirían adiante, mais determinaremos o momento, a modalidade e a data nas próximas consultas", dixo o ministro de Exteriores de Irán, Abbas Araqchi, que destacou o "bo ambiente" nesta cita.

Comentarios