Análise

Estados Unidos-Francia, para quen crece a economía?

O indicador convencional do éxito económico é a variación do Produto Interior Bruto (PIB). Desde 1980 a 2014, produto e renda ascenderon máis nos Estados Unidos que en Francia, o que demostraría a superioridade do capitalismo estadounidense.
A antiga directora do FMI e presidenta do BCE, Cristina Lagarde. (Foto: Europa Press)
photo_camera A antiga directora do FMI e presidenta do BCE, Cristina Lagarde. (Foto: Europa Press)

O indicador convencional do éxito económico é a variación do Produto Interior Bruto. Ao deducirmos do PIB as amortizacións e incluírmos o saldo neto das rendas exteriores, obtemos a renda dispoñíbel. Desde 1980 a 2014, produto e renda ascenderon máis nos Estados Unidos que en Francia, o que demostraría a superioridade do capitalismo estadounidense. A distribución do crecemento nos dous territorios conta unha historia moi diferente.

Pikkety, Saez e Zucman estudaron a distribución do crecemento nos EUA e Francia para dous períodos de 34 anos. Entre 1946 e 1980 a renda por persoa adulta alargouse un 95%, case duplicándose. O incremento para o 50% de menores ingresos, a clase traballadora, foi lixeiramente superior ao 102%; para o 40% seguinte, a clase media, do 105%. As subas foron máis baixas para os grupos superiores: o 80% para o 10% superior e o 60% para o 0,001%, 1 de cada 100.000. Un resultado sorprendente desde o sentido común actual: os ricos sempre gañan.

Desde 1980 a 2014 produciuse unha inversión radical, a renda dispoñíbel medrou menos, un 61%. Os ingresos do 50% inferior subiron un insignificante 1%; os da clase media un 42%. O éxito foi magnífico para o 10%, clase media alta, cuxos ingresos aumentaron un 120%, máis que o duplo; para o 1% superior, un 205%, máis que o triplo; e así até chegarmos ao 0,001%, os integrantes da clase capitalista global, cuxas rendas se incrementaron un 636%, multiplicándose por máis de sete.

Historia de dúas épocas en tres países

O presidente estadounidense Ronald Reagan prometera reducir o tamaño do Estado para liberar a economía. Fracasou, o crecemento económico enlenteceu. Porén, triunfou. O capitalismo da revolución conservadora creou unha sociedade segregada ao servizo de explotadores e rendeiros. Como nun filme de ficción científica, máis de 117 millóns de estadounidenses adultos, o 50%, permanecen hibernados en 1980. Outros 94 millóns, o 40%, melloraron o suficiente para asegurar certa estabilidade social. Os triunfadores, o 10% dos máis ricos e os grandes capitalistas.

Dous mecanismos alimentaron este resultado, salarios e impostos. O salario mínimo federal chegou ao seu máximo en 1969, hai máis de 50 anos, e desde entón reduciuse en termos reais. O ingreso medio do 50% inferior da poboación entre 20 e 44 anos, no fundamental salarios, caeu unha quinta parte até ficar nuns 13.000 dólares anuais. Intensificouse a taxa de explotación. Tal e como proclamara o fundador da maior empresa estadounidense en vendas e contratacións, Walmart, “imos ter éxito. Mais a base dun modelo de emprego de salarios moi baixos e prestacións cativas”. A carga fiscal que se mantivo constante nas últimas décadas trasladouse das rendas do capital ás rendas salariais. De incluírmos o seguro médico, un case imposto obrigatorio que se paga ás aseguradoras privadas, en 2018 as rendas do traballo pagaban 10 puntos máis que as do capital.

As consecuencias perversas

Tres consecuencias perversas. O sistema penal substituíu o salario suficiente. A taxa de encarceramento é a máis alta do mundo, 636 persoas por 100.000 habitantes, multiplicando por seis a francesa. Un grande avance social do século XX foi o aumento da esperanza de vida, con caídas excepcionais na África da Sida, a Rusia postsoviética e agora os homes brancos estadounidenses de mediana idade. Os explotados angústianse e dróganse para soportar a desesperación, máis de 80.000 mortos anuais por opiáceos. Por último, o estancamento da capacidade de compra da metade da sociedade deprime a demanda total, contrae as oportunidades de investimento e alimenta burbullas de débeda.

A renda por persoa adulta é un 30% máis elevada nos Estados Unidos que en Francia. Esta diferenza non se deriva da maior produtividade por hora traballada, idéntica nos dous países, senón de que en Francia se traballan menos horas: a xornada é máis curta, os permisos de maternidade e paternidade máis prolongados, comézase a traballar máis tarde, adiántase a idade de xubilación e as vacacións anuais son tres veces máis prolongadas. 

O obreiro, a empregada, a profesional intermedia francesa, cede menos horas da súa vida á empresa que a explota ou á Administración que a emprega, e benefíciase máis do crecemento económico. En 1980, a renda do 50% inferior era un 11% máis baixa que nos Estados Unidos; en 2014, un 16% máis alta. 

Ser traballador no país das revolucións rende

Os relatorios das institucións de Goberno do capitalismo global adoitan relacionar a baixada dos salarios e o incremento da desigualdade coas forzas da globalización e o progreso tecnolóxico. A comparación entre Estados Unidos e Francia mostra que a capacidade de mobilización herdada dun século de organización das clases subalternas é decisiva para determinar os salarios e a distribución do 
produto social.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios