Os Estados Unidos ameazan o Tribunal Penal Internacional con máis sancións se non dá inmunidade a Trump
O órgano xudicial podería ser sancionado directamente.
Os Estados Unidos comunicaron ao Tribunal Penal Internacional (TPI) que ou modifica a súa normativa ou lanzará máis sancións contra o organismo xudicial, após implementar medidas coercitivas contra seis xuíces e xuízas e tres membros da Fiscalía, incluído o fiscal xefe, confirmou a cuarta feira un funcionario estadounidense á axencia Reuters.
A ameaza de Washington busca que o estatuto do TPI consagre a inmunidade de Donald Trump, presidente do país, e outros altos funcionarios, amais de que abandone de forma oficial o caso polo xenocidio en Gaza, que o levou a emitir unha orde de arresto por crimes contra a humanidade dirixida a Benjamin Netanyahu, primeiro ministro israelí, e a investigación polos delitos dos militares estadounidenses na invasión de Afganistán. Estas dúas últimas causas foron de feito as que motivaron o comezo da imposición de sancións.
Desta vez, a Casa Branca abriu a porta incluso a sancionar directamente o TPI, con sede nos Países Baixos e ao que unha lei federal do país norteamericano permite invadir para liberar estadounidenses ou aliados seus.
O funcionario detallou que “existe unha crecente preocupación” na Administración de que en 2029, cando remate o mandato de Trump, “o TPI dirixa a súa atención” cara a el e outros membros do Gabinete, cuxas ordes estiveron detrás de arredor de 90 asasinatos extraxudiciais no mar Caribe e no océano Pacífico. Porén, precisaríase do apoio dunha ampla maioría entre os 125 asinantes do Estatuto de Roma, que creou o tribunal, para aplicar a mudanza exixida.
Asemade, a cuarta feira Emmanuel Macron, líder de Francia, e os seus homólogos do Reino Unido e Alemaña, Keir Starmer e Friedrich Merz respectivamente, abordaron a fin da guerra en Ucraína con Trump, nun esforzo “para tratar de avanzar”, sinalou Macron.
Antes, Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína, reiterou que non aceptará a perda de territorios, un punto que se está a perfilar como o principal aspecto de fricción con Rusia nas negociacións dun acordo de paz que poña fin ao conflito.
Tamén pormenorizou que a cuarta estaba programado que unha delegación ucraína negociase con outra estadounidense sobre o que atinxe á reconstrución do país unha vez finalizadas as hostilidades, apuntando que proximamente entregarán a última proposta revisada para un plan de paz á Casa Branca.
Un día antes, o xornal Financial Times reportou que Trump deu “días” a Zelenski para que responda á proposta.
