O Estado pagará mil millóns de euros menos ás eléctricas

O mecanismo para reducir os aportes ás empresas enerxéticas será reducir o dividendo de carbono que reciben polas hidroeléctricas e nucleares anteriores a 2005. Segundo o Goberno do Estado isto implicará unha baixada de entre o 4% e o 5% na factura eléctrica de consumo doméstico.
Teresa Ribera, vicepresidenta do Estado, e María Jesús Montero, voceira, despois da xuntanza. (Foto: O. Cañas / POOL / Europa Press)
photo_camera Teresa Ribera, vicepresidenta do Estado, e María Jesús Montero, voceira, despois da xuntanza. (Foto: O. Cañas / POOL / Europa Press)

O Consello de Ministros que decorreu esta terza feira aprobou o comezo da tramitación dun anteproxecto de lei para reducir o dividendo de carbono que perciben as empresas que producen electricidade por medio de centrais nucleares ou hidroeléctricas anteriores a 2005, o que redundará no abaratamento de entre o 4% ou 5% da factura da luz do consumo doméstico, segundo indicou Teresa Ribera, vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

A proposta permitiría ao Goberno do Estado reter 1.000 millóns de euros que agora van directamente ás empresas eléctricas polas explotacións con tecnoloxías sen emisión de CO2 anteriores a 2005, e que reciben este dividendo polo pago dos dereitos de emisión que ten que obter calquera empresa que na súa produción lance este gas na atmosfera.

Se ben en xaneiro de 2018 o prezo dos dereitos de emisión dunha tonelada de CO2 se situaba nos 4 euros, en abril de 2021 chegaba aos 48 euros, o que multiplicou os beneficios obtidos por estas empresas con base no dividendo de carbono que recibían. O aumento do custo destes dereitos tamén impulsa o prezo da electricidade no Estado, pois a referencia tómase en relación ao prezo máis alto de produción, que se corresponde coas enerxías non renovábeis.

Na comparecencia posterior ao Consello de Ministros, Ribera apuntou que os beneficios da alza dos prezos dos dereitos de emisión teñen que repercutir no consumo doméstico e industrial, non só nas “contas de resultados das empresas”. As compañías con máis explotacións desta época, e que polo tanto serán máis afectadas, son Iberdrola, Endesa e Naturgy, así como EDP España e Acciona en menor medida.

Na xuntanza do Executivo estatal tamén se aprobou a remisión ao Congreso do proxecto de lei do Fondo Nacional para a Sostibilidade do Sistema Eléctrico, co que se procura sacar da tarifa eléctrica o custo das primas renovábeis máis antigas, que estimaron en 6.500 millóns de euros anuais, para repartilo entre todos os sectores enerxéticos.

A previsión do Goberno do Estado é que en cinco anos o recibo da luz se reduza nun 15%. Ademais, incide en que o 10% dos ingresos xerados por estas medidas se dirixirá a custear parte da factura eléctrica das consumidoras e consumidores vulnerábeis severos en risco de exclusión social. O 90% irá a financiar o réxime retributivo específico das renovábeis, coxeración e residuos.

No que atinxe ás mudanzas dos cargos e peaxes na factura eléctrica que entraron en vigor onte e que podería supor nalgúns casos un aumento do prezo de 36%, Ribera afirmou que o cambio está motivado porque non se aproveitaba eficientemente a produción eléctrica, e defendeu que hai tramos moi razoábeis para desenvolver as tarefas do fogar que implican o uso de electricidade “como de 8 a 10 da mañá”, franxa que se sitúa no rango medio das novas tarifas.

Préstamo á Seguridade Social

Outro dos acordos do Consello de Ministros foi aprobar a concesión dun préstamo de 13.830 millóns de euros á Tesouraría Xeral da Seguridade Social, que xa estaba contemplado nos Orzamentos Xerais do Estado, anunciou a voceira do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero.

O obxectivo do préstamo é equilibrar as contas con respecto ao pago de pensións e de prestacións por incapacidade temporal, afirmou Montero, que destacou que a decisión vai na liña pretendida polo Executivo de facer sostíbel a Seguridade Social “a curto, medio e longo prazo”.

Situación sanitaria e uso da máscara

Na rolda de prensa tamén se abordou a situación sanitaria. A este respecto, Montero declarou que esta semana alcanzaranse os dez millóns de persoas vacinadas, concluíndo que hai un “bo ritmo de vacinas, datos esperanzadores de recuperación do emprego e tamén moi boa perspectiva para que a chegada dos fondos europeos sexa unha realidade nos vindeiros meses”.

Respondendo as propostas dos últimos días para que a máscara deixe de ser obrigatorio no exterior, a voceira aclarou que mañá, na xuntanza do Consello Interterritorial de Saúde, abordarán a cuestión, mais fixo énfase en que só “criterios especializados” van levar á modificación lexislativa dese aspecto.

Mesa de diálogo bilateral Estado-Catalunya

Montero non quixo pór data á mesa de diálogo bilateral Estado-Catalunya, mais rebaixou as expectativas sobre a reunión previa de Pedro Sánchez, presidente do Estado español, e Pere Aragonès, presidente de Catalunya, dándolle categoría de xuntanza normal que tamén vai manter con Isabel Ayuso, presidente de Madrid, con base nos resultados das eleccións catalás e na Comunidade de Madrid.

Sen profundar na decisión sobre os indultos, Montero deu valor á procura da convivencia no Estado e apuntou que “o Goberno non quere que os problemas se enquisten”.

Asemade, a ministra de Facenda quixo facer fincapé en que “Puigdemont ten que ser xulgado”, malia os autos dos tribunais europeos que negaron a extradición, ao tempo que xustificou a reforma do delito de sedición no Código Penal para homologalo cos países da Unión Europea.

A súa redacción actual “é moi antiga”, sinalou Montero, que explicou que xa non estaba en liña coa actualidade política “nin no século XX nin no XXI".

Comentarios