Escocia, Gales e Irlanda do Norte teñen os seus propios plans de desconfinamento, diferentes do marcado desde Londres

Bandeiras das nacións do Reino Unido

Apostan en manter polo momento un confinamento “duro” mentres Boris Johnson chama a “avanzar xuntas as catro nacións”.

Boris Johnson debullou este domingo as diferentes fases e pasos para o plan de desconfinamento, un plan que o primeiro ministro do Reino Unido asume que será de aplicación unicamente en Inglaterra.

Escocia, Gales e Irlanda do Norte teñen os seus propios roteiros para a pandemia e as competencias para transformalos en procesos ou plans de desconfinamento.

De feito, a tras a comparecencia de Johnson para falar dde ritmos e fases de desescalada, a primeira ministra de Escocia xa dixo que este país non iría por ese camiño e que mantiñan o confinamento 'duro'. O mesmo fixo o Goberno de Gales. Ambos os dous consideran que non se dan as circunstancias para o desconfinamento.

O propio primeiro ministro do Reino Unido (que engloba Inglaterra, Gales, Escocia e Irlanda do Norte) chamou ás “catro nacións a camiñarmos xuntas” nesta pandemia.

A partir da cuarta feira

No plan de Johnson, a partir desta cuarta feira a xente poderá saír para facer exercicio ou desprazarse en coche particular a outros lugares. Sitúa a principios de xullo a volta ás aulas se ben só en determinados niveis e para xullo, “como moi cedo e sempre que sexa seguro”, a apertura de hostalería.

Anunciou, tamén, un incremento das sancións e multas para aquelas persoas que incumpran as normas e medidas de distanciamento social.

Reino Unido é o estado europeo onde máis vítimas polo coronavirus se rexistraron, superando as 32.000, e a cifra de persoas contaxiadas sitúase por riba de 213.000. Máis de 80% destes casos están en Inglaterra.

Non só no Reino Unido os seus territorios teñen competencias para deseñar e implementar os seus propios plans de desconfinamento. Isto tamén sucede en Alemaña (cos lander) ou Estados Unidos.(cos estados).