ERC, JxCat e CUP pactan unha proposta en favor dos dereitos políticos de Puigdemont

Será votada esta cuarta feira no Parlament. Hai acordo no independentismo á hora de erguer a bandeira simbólica do president, non tanto sobre se hai que pasar tamén ao terreno dos feitos e promover a súa investidura, co risco conseguinte de sofrer un novo ataque do poder xudicial español.

junta portavozes
photo_camera A xunta de portavoces do Parlament, esta segunda feira [Foto: NacióDigital]

A detención de Puigdemont en Alemaña volta a reunir canda el o bloco independentista. ERC, JxCat e CUP rexistaron unha proposta de resolución en defensa dos dereitos políticos de Puigdemont e o resto de líderes independentistas e/ou exiliados. O texto afirma que o president dispón de apoios para gañar unha eventual investidura.

Mais isto non significa que o independentismo sexa unha única voz a prol dunha investidura protagonizada por Puigdemont. Unha cousa é aprobar unha proposta simbólica, outra moi distinta ir a unha votación plenaria que restituíse o político de Girona na presidencia da Generalitat. Apoiarían esa opción sen dúbidas as e os independentes de Junts per Catalunya -unha candidatura feita por volta do líder agora detido en Alemaña-, a CUP e a Assemblea Nacional de Catalunya, cuxa flamante presidenta, Elizenda Paluzie, afirmou esta segunda feira que "hai unha maioría democrática que avala que Puigdemont sexa proclamado president". Máis reticentes son o PDeCAT -o partido ao que formalmente pertence Puigdemont, formación que, porén, se foi distanciando nos últimos tempos del- e ERC. Ex converxentes e republicanos non ven claro abocarse a un proceso que poda ser tombado xudicialmente polo TC. Priorizan a elección dun Govern non vulnerábel aos tribunais españois que permita superar o 155 e reconstruír o autogoberno.

A outra liña de xogo aberta é a aposta do president do Parlament, Roger Torrent, a prol dunha fronte democrática transversal, que vaia alén das lindes do soberanismo. Basicamente trataríase de procurar pontos de encontro con Catalunya en Comú, cunha plataforma programática baseada na defensa do dereito a decidir e na denuncia da escalada represiva do estado. A fronte -apoiada explicitamente por Joan Tardá, portavoz de ERC no Congreso- bateu xa coas reservas do aparato central de Podemos: ao secretario de Organización da formación morada, Pablo Echenique, faltoulle tempo para reiterar que nunca apoiarían como president a un candidato de JxCat e que os números non dan para formar un Govern non independentista (en realidade, aritmeticamente si que sería posíbel: 34 de JxC, 32 de ERC e 8 dos comúns, total, 74 votos nunha cámara de 135 escanos).

Comentarios