Un cento de persoas feridas e seis detidas nos protestos contra a detención de Puigdemont

Os antidisturbios cargaron contra os manifestantes en Barcelona e Lleida. Ducias de miles de persoas tomaron parte nas mobilizacións contra o arresto do expresidente.

barcelona incidenets manifestación imaxe @naciodigital
photo_camera Imaxe @naciodigital

Case un cento de persoas resultaron feridas polas cargas dos Mossos d’Esquadra fronte a Delegación do goberno español en Catalunya, onde miles de manifestantes se concentraron para rexeitar a detención de Carles Puigdemont. Ademais, a policía catalá procedeu á detención de 6 persoas en relación aos incidentes. Tamén houbo enfrontamentos en Lleida, se ben de moita menor entidade. As persoas detidas están acusadas dun delito de atentado á autoridade.

Durante a tarde do domingo miles de persoas tomaron pate nas mobilizacións convocadas após se coñecer a detención en Alemaña de Puigdemont. A máis numerosa foi a da ANC (Assemblea nacional de Catalunya), apoiada por Omnium, e que reuniu 55.000 persoas segundo cifras do Concello de Barcelona. Na dos Comités pola defensa da República (CDR) participaron por volta de 4.000.

Ademais, en Girona manifestáronse unhas 9.000 persoas e en Lleida perto de 3.000, segundo dados da propia organización. Hai que sumar as ducias de concentracións que decorreron en diversas localidades catalás e nas que participaron miles de persoas.

Desde entidades como ANC e Òmnium fixeron unha chamada a evitar a violencia e a que as manifestacións e mobilziacións sexan pacíficas, indicando que ese é un dos valores que o movemento independentista demostrou ao longo de todos estes anos. Mensaxes nesa mesma liña foron realizadas desde partidos como ERC, Junts per Catalunya ou o presidente do Parlament.

En diferentes puntos do territorio catalán, os manifestantes cortaron estradas e vías de acceso, así comomo pasos fronteirizos como o de Puigcerdà, como protesto contra a vaga represiva. 

Comentarios