Enquisas a pé de urna auguran unha ampla vitoria do ANC en Suráfrica

Os inquéritos apuntan a que o partido liderado por Jacob Zuma renovará a súa maioría, co apoio de 6 de cada 10 votantes. Os resultados definitivos daranse a coñecer entre esta sexta e o sábado.

Jacob Zuma
photo_camera Jacob Zuma

25,3 millóns de electores e electoras rexistradas (o 80,5% da poboación total) foron chamados a votar esta cuarta feira, nos quintos comicios xerais que a República de Sudáfrica celebra logo do derrubamento do réxime do apartheid en 1994. Por vez primeira poderán votar os e as vinte cinco mil surafricanas residentes en 108 países. Estas eleccións que contaron cunha importante participación, que se visou masiva nas grandes cidades do país, celébranse poucos meses despois do falecemento do expresidente e lider revolucionario Nelson Mandela.

Previsibelmente Jacob Zuma continuará na Presidencia cinco anos máis

Todo apunta a que precisamente o Congreso Nacional Africano (ANC, no seu acrónimo orixinal en inglés) que liderou Mandela, anovará a súa maioría parlamentaria outorgando a posibilidade dun novo mandato de cinco anos ao Presidente Jacob Zuma, quen promete continuar co legado de Mandela. Así o revelan as enquisas a pé de urna que lle atribúen o respaldo de 6 de cada 10 votos. Os resultados definitivos só se coñecerán entre esta sexta feira e o sábado, segundo anunciou a Comisión Electoral Independente.

O Partido Comunista Surafricano chamou a apoiar o ANC

O Partido Comunista Surafricano (SACP) chamou novamente a apoiar ao ANC nas urnas para “defender a revolución democrática-nacional” e apostar por unha “Suráfrica non-racial, non-sexista, democrática e próspera”, defendendo os logros conqueridos en sanidade e educación no último lustro polo goberno de Zuma. Porén, os e as comunistas non outorgan un “cheque en branco” e seguirán a pular pola “profundización e avance da revolución”. O SACP forma canda o Congreso de Sindicatos de Suráfrica (COSATU) e a propia ANC, a alianza tripartita que goberna o país desde a queda do réxime racista.

Que se elixe?

Os resultados destas eleccións xerais designarán aos 400 membros que conforman a Asemblea Nacional (cámara baixa), nas que até agora o ANC contaba con 264 asentos (66%). A metade serán elixidos por listas nacionais de partidos e a restante por listas provinciais en cada unha das 9 provincias nas que se organiza o país. O sistema electoral surafricano é proporcional e por lista pechada. Non hai elección directa da Presidencia, que é designada pola Asemblea Nacional. 

Elixiranse os 400 membros da Asemblea Nacional e os 90 do Consello Nacional de Provincias

A cámara baixa é o Consello Nacional de Provincias (NCOP), cuxos 90 membros –dez por provincia- son elixidos en proporción das composicións das lexislaturas. Os primeiros ministros provinciais serán tamén elixidos pola maioría gañadora en cada lexislatura provincial.

Canda o ANC, concorrerán outras 29 candidaturas, das que as principais opcións son a Alianza Branca (DA, referente da minoría branca), o Congreso do Pobo e o Partido da Liberdade (IFP, de grande relevancia na etnia zulú). A grande participación nas zonas urbanas albisca posibilidades electorais tamén para os denominados Combatentes pola Liberdade Económica (EFF, partido fundado en xullo de 2013) que baixo o liderado de Julius Malema aposta pola nacionalización das minas, a promoción do emprego e garantir o acceso ao ensino superior para toda a poboación.

Comentarios