A enerxía centra o foco catro anos despois de guerra en Ucraína: Putin advirte dun plan para voar novos gasodutos
Coincidindo co cumprimento do cuarto ano desde o comezo da invasión sobre o territorio ucraíno, o presidente de Rusia, Vladimir Putin, denunciou a existencia dun plan para facer explotar os gasodutos Turkish Stream e Blue Stream no mar Negro.
"Segundo a nosa información operativa, trátase dunha posíbel explosión dos nosos sistemas de gas no fondo do mar Negro, o Turkish Stream e o Blue Stream", afirmou o líder do Executivo ruso nunha reunión do consello do Servizo Federal de Seguridade ruso.
Para o mandatario, estas accións buscan "socavar o proceso negociador" con Ucraína. "Están a facer todo o posíbel para levar a cabo unha provocación e destruír o que se logrou na vía das negociacións", manifestou. A afirmación de Putin coincide co proceso en Alemaña contra un cidadán ucraíno pola voadura dos gasodutos Nord Stream.
Ademais, a aseveración rusa chega nun momento de máxima tensión polo oleoduto Druzhba, vital para a subministración rusa de combustíbel a Hungría e Eslovaquia. O primeiro ministro húngaro, Viktor Orbán, acusou esta terza feira Ucraína de provocar unha "emerxencia enerxética" ao atacar esta infraestrutura.
Neste sentido, o primeiro ministro eslovaco, Robert Fico, anunciou esta segunda feira o corte da subministración de electricidade de emerxencia a Ucraína e advertiu de que podería tomar máis medidas, como retirar o seu apoio ao ingreso de Ucraína na Unión Europea, se non se restabelece a subministración de petróleo ruso a Eslovaquia.
Pola súa parte, o Servizo de Intelixencia Exterior de Rusia acusou esta terza feira Francia e o Reino Unido de "traballar activamente" para lograr a entrega a Ucraína "dunha bomba nuclear, ou polo menos unha 'bomba sucia'", para "lograr uns termos máis favorábeis" para a parte ucraína na negociación da paz.
Neste contexto, o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, pediu esta terza feira nunha intervención nun pleno extraordinario do Parlamento Europeo unha data concreta para a adhesión do seu país á Unión Europea. "É moi importante como parte do proceso diplomático", concluíu.