Rusia aposta pola extensión "formal" do control das capacidades nucleares e Kallas abre a porta a un programa atómico ofensivo da UE

O secretario de Estado dos EUA, Marco Rubio, afirmou que "o control de armamentos nucleares xa non pode ser un asunto bilateral.
A alta representante da Unión Europea para a Política Exterior, Kaja Kallas, esta quinta feira 26 de xaneiro. (Foto: Frederic Garrido-Ramírez)
A alta representante da Unión Europea para a Política Exterior, Kaja Kallas, esta quinta feira 26 de xaneiro. (Foto: Frederic Garrido-Ramírez)

O Kremlin subliñou esta sexta feira que calquera extensión do tratado de redución de armas nucleares estratéxicas debe ser "formal" e sostivo que "calquera extensión informal neste asunto é dificilmente concibíbel", un día despois de que o acordo decaese.

"As cláusulas poden ser estendidas formalmente dalgunha forma", dixo o portavoz da Presidencia rusa, Dimitri Peskov, ante as informacións sobre posíbeis contactos entre Moscova e Washington para prorrogar dalgunha forma os límites contemplados neste acordo.

Pola súa parte, o secretario de Estado dos EUA, Marco Rubio, afirmou esta sexta feira que "o control de armamentos nucleares xa non pode ser un asunto bilateral entre os Estados Unidos e Rusia", subliñando a súa aposta pola participación da China na negociación para un novo tratado.

E neste escenario, a alta representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, Kaja Kallas, afirmou que o bloque debe iniciar un debate sobre as súas propias capacidades de disuasión nuclear.

"Tendo en conta a situación actual e que isto [as armas nucleares] é o único que realmente funciona como elemento de disuasión, [a Unión Europea] podería formar parte de futuras discusións", sinalou a alta representante da UE para a política exterior.

Negociacións

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, afirmou sobre as negociación con Rusia que "están planeadas novas reunións proximamente, probablemente nos Estados Unidos". "Levamos a cabo un traballo construtivo e ao mesmo tempo moi desafiante durante dous días. Continuará", comentou Peskov ao respecto. Con todo, o ataque esta sexta feira contra un alto mando militar ruso xerou tensión entre as partes.

Comentarios